MEDIO RURAL

O Concello investirá 150.000 euros na 1ª fase do plan de eliminación de fochancas

21/09/2015 O concelleiro de Medio Rural presentou esta mañá a primeira fase do Plan para a eliminación das fochancas no termo municipal de Santiago, na que se van investir 150.000 euros. Rafael Peña explicou que o Concello ten detectados 2.400 fochos na rede viaria, case o 80% na zona rural.

Na primeira fase do Plan para a eliminación das fochancas vaise actuar antes de que remate o ano en 3.027,88 metros cadrados na zona rural, 99,4 da zona urbana, e 366,25 da zona suburbana, o que equivale á metade dos fochos contabilizados. Os traballos comezaron hoxe mesmo nas zonas que se atopan en peor estado: a rúa Cacharela, en Aríns, e na zona de Vilamaior ata o Monte do Gozo. Nalgúns casos, o estado de mantemento é tal que será preciso reconstruír por completo algunhas zonas da calzada.

O concelleiro de Medio Rural explicou que a intención do Goberno é acometer a mellora integral da rede viaria compostelá, en especial nas parroquias. Por iso, o executivo vai destinar integramente á zona rural as axudas dos POS 2015 e 2016, que suporán un investimento total de aproximadamente 1,4 millóns de euros.

Rozas
O concelleiro de Medio Rural tamén deu conta do proxecto de rozas que aprobou o pasado venres a Xunta de Goberno. O executivo desbloqueou unha partida de 71.632 euros (IVE incluído) para acometer os traballos antes do inverno. Rafael Peña explicou que o anterior goberno só deixara sen executar 21.000 euros da partida de rozas, que se utilizaron para acondicionar os campos da festa. A nova partida permitirá rozar 400 quilómetros lineais, a práctica totalidade do rural compostelán.

Os traballos comezarán na primeira quincena de outubro, e teñen un prazo de execución de mes e medio.

Compartir: