ALCALDÍA

Santiago e outros oito concellos reclaman a democratización da FEMP

19/09/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, participou en Madrid no XI pleno da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). El, xunto cos alcaldes doutros oito concellos do cambio -Madrid, Barcelona, A Coruña, Ferrol, Cádiz, Rivas-Vaciamadrid, Puerto Real e Zaragoza- asinaron un comunicado no que se demanda unha reforma da FEMP en prol da súa democratización.

Segundo di o comunidado, a FEMP actual "xa non serve". "Dominada polo bipartidismo, non foi un instrumento útil para reforzar a democracia municipal. E tampouco serviu para contrarrestar normas como a Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local (LRSAL), que supuxo un ataque sen precedentes contra a autonomía local", afirma.

Os nove concellos asinantes cren necesario contar con "institucións que defendan o municipalismo, as administracións máis próximas á cidadanía e as súas necesidades". Por iso, consideran que a FEMP debe asumir estas prioridades, comezando por pedir a derogación da LRSAL.

Os rexedores municipais piden un "cambio profundo" da FEMP nos seus órganos de representación, "abordando canto antes unha reforma dos seus estatutos para democratizar a entidade e non quedar varada no actual modelo de goberno bipartidista".

"O pasado 24 de maio, en paralelo ao cambio en moitos gobernos municipais, abriuse tamén un novo espazo de cooperación entre cidades á marxe da FEMP. Un espazo solidario de colaboración e traballo en común, coa cidadanía como prioridade, que é necesario ampliar e profundar. E non deixaremos de facelo", finaliza o comunicado.

Documentos relacionados



Compartir: