XUNTA DE GOBERNO

O Concello incrementa nun 30% a partida destinada ás bolsas de comedor

18/09/2015 A Xunta de Goberno aprobou a ampliación da dotación orzamentaria prevista na convocatoria para a concesión de bolsas de comedor ao alumnado dos centros docentes públicos e concertados de educación primaria para o curso 2015-2016. A partida increméntase un 30%, pasando dos 130.000 euros inicialmente previstos aos 169.000.

Segundo explicou o alcalde e voceiro da Xunta de Goberno, Martiño Noriega, o incremento do número de solicitudes obrigou ao Goberno local a aumentar a partida destinada a este concepto para así poder cubrir a totalidade da demanda existente.

No curso 2014-2015 concedéronse 148 bolsas de comedor. Estas axudas teñen dúas modalidades: as denominadas asistenciais, cun importe de 80 euros/bolsa ou un 80% do prezo do comedor cando este sexa inferior a esa cantidade; e as de conciliación, cun importe fixo de 40 euros/mes.

Pisos sociais
Tamén en materia de Políticas Sociais, na mesma sesión da Xunta de Goberno aprobouse a renuncia ao uso dun piso municipal na rúa Roma, en Fontiñas, por parte da Asociación de Dano Cerebral de Compostela "Sarela". Ademais, tamén se acordou dar por finalizada a cesión doutro piso no mesmo edificio a Red Madre Coruña.

Documentos relacionados



Compartir: