MOBILIDADE

O Goberno local quere promover o uso do vehículo eléctrico na cidade e a súa contorna

18/09/2015 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, achegouse esta tarde á praza Roxa compostelá para visitar a exposición de coches eléctricos programada dentro da Semana da Mobilidade. Alí, coñeceu de primeira man o funcionamento deste tipo de vehículos, tanto coches como motocicletas, o seu consumo e autonomía, ademais de comprobar os beneficios que ten o seu uso.

Jorge Duarte plantexou a revisión da ordenanza que regula as zonas de aparcamento regulado (ORA) para que se contemple bonificación económica para este tipo de vehículos eléctricos e que conten con máis puntos de recarga. Na mesma liña, a intención do Concello é convocar un concurso público para que se instalen puntos de este tipo en varias zonas da cidade.

Dentro das actividades da Semana Europea da Mobilidade, mañá sábado, entre as 11:00 e as 14:00 horas, levarase a cabo unha campaña de información sobre os aparcamentos de borde de Salgueiriños e Santa Marta nos concellos de Ames, Teo e Oroso. No Milladoiro, nas rúas Anxeriz, Pardiñeiros, Agro do Medio, praza de Manuel Murguía e rúa Rosalía de Castro. En Bertamiráns, na avenida da Mahía entre as confluencias coa praza da Mahía e a travesía Pedregal. En Sigüeiro, na praza do Concello, a rúa Cultura e a avenida da Grabanxa. En Cacheiras, na avenida de Montouto. Tamén mencionou a modificación do proxecto do estacionamento da Pontepedriña, que contempla unha nova infraestrutura que dará servizo ao Ensanche e que ve aumentada a súa capacidade.

Compartir: