TURISMO

As cidades Patrimonio presentan a súa oferta turística na República Checa

16/09/2015 A sede do Instituto Cervantes de Praga foi o escenario no que as 15 Cidades Patrimonio da Humanidade de España presentaron a súa oferta turística e cultural na República Checa. O acto foi organizado por Turespaña e o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, en colaboración co Instituto Cervantes.

Á presentación, que correu a cargo do Xerente do Grupo, asistiron unha trintena de turoperadores e directores de axencias de viaxes e estivo presidida polo embaixador de España en Praga, Pedro Calvo-Sotelo. Asistiron tamén a directora da OET de Viena, da que depende o mercado emisor checo, e o director do Instituto Cervantes.

Esta campaña forma parte do Plan Operativo de Turismo 2015 do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, que ten como obxectivo promover os 15 destinos como marca de turismo cultural internacional, e que vén concretando na presenza da rede nas máis importantes feiras especializadas do mundo, presentacións técnicas de produto a axencias e turoperadores, e organización de viaxes de familiarización, entre outras accións.

Con esta campaña complétanse as promocións levadas a cabo este ano en Centroeuropa (Austria, Bélxica e Alemaña), Países Escandinavos (Suecia, Dinamarca e Noruega) e grandes capitais como Londres e París.


Tras o acto clausurouse a exposición fotográfica Cidades Patrimonio da Humanidade. 15 xoias de España, que estivo aberta ao público dende o pasado 1 de xullo no Centro Cultural Español. A mostra ofreceu, a través dun percorrido por 60 fotografías, unha suxestiva visión dos recunchos, edificios e lugares máis significativos das 15 cidades: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Conca, Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

Esta exposición púidose contemplar anteriormente nos Institutos Cervantes de Lyon (Francia), Utrecht (Países Baixos) e Viena (Austria) e no Concello de Bolonia (Italia). Esta actividade enmárcase dentro do convenio de colaboración que o pasado mes de maio asinaron en Alcalá de Henares o Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade e o Instituto Cervantes, para a promoción conxunta do patrimonio cultural das 15 cidades no exterior a través da rede de centros culturais do Instituto.

República Checa
Segundo os datos de Frontur, en 2014, España recibiu preto de 300.000 turistas checos, con viaxes na súa maioría a Canarias e Andalucía, e en menor parte a Madrid e Barcelona. España mantívose entre os destinos mediterráneos máis visitados polos checos no quinto lugar, detrás de Croacia, Italia, Grecia e Turquía. Os turoperadores checos empezaron a diversificar a súa oferta de maneira que, ademais das costas, nos catálogos aparecen produtos de luxo e destinos de interior, hoteis de alta categoría, e circuítos culturais e especializados en viño, gastronomía, agricultura ecolóxica, sendeirismo e cicloturismo, que son un produto de interese crecente entre os checos para grupos de incentivos.

Compartir: