ACCIÓN CULTURAL

Redrum Teatro estrea "Noiteboa" no Teatro Principal de Santiago

16/09/2015 Este xoves 17, venres 18, sábado 19 e domingo 20 de setembro, o Teatro Principal de Santiago de Compostela acollerá a estrea de Noiteboa, o novo espectáculo da compañía compostelá Redrum Teatro. As funcións serán ás 20:30 horas e as entradas poden mercarse no despacho de billetes do Principal (de 18:00 a 21:00 horas, de martes a sábado e días de evento), no 902 434 443 ou en entradas.abanca.com. O prezo é de 10 euros (7 € no anfiteatro).

Noiteboa comeza así unha xira que percorrerá distintos concellos de Galicia. As próximas funcións terán lugar en Narón, Cangas, Lalín, Noia, Teo, Ourense, Cambre, Padrón e Pontevedra. Os detalles da representación foron ofrecidos nunha rolda de prensa na que participaron a directora-xerente en funcións do Auditorio de Galicia, Silvia Modia; o director de Agadic, Jacobo Sutil; e os actores Mela Casal, Ernesto Chao e Guillermo Carbajo.

Producido co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais e a colaboración do Concello de Teo, Noiteboa é unha traxicomedia que transcorre durante a noite do 24 de decembro en Compostela. Unha data marcada polo reincidente roubo do neno Xesús da praza do Obradoiro, feitos que acompañarán aos nosos peculiares protagonistas durante a tradicional cea familiar. Unha reunión onde priman as aparencias e o máis inesperado pode tornarse realidade. Unha noite chea de risos, de ilusións e de segundas oportunidades que sen dúbida os cambiará para sempre.

Está protagonizado polos actores Mela Casal, Ernesto Chao e Guillermo Carbajo, caras ben recoñecibles polo público galego polos seus traballos en teatro e tamén en series míticas da TVG como Mareas Vivas ou Pratos Combinados.

A dirección vai a cargo de Alex Sampayo, director tamén coñecido polo seu traballo no sector audiovisual, no que dirixiu series como El Internado ou Padre Casares. Neste momento vén de presentar en varios festivais de todo o mundo a súa ópera prima, Schimbare, unha longametraxe protagonizada por Candela Peña e Luis Zahera.

Trátase da sexta produción de Redrum Teatro, unha compañía fundada en 2009 que levou aos escenarios a obra de suspense A Pensión, protagonizada por Rosa Álvarez; os espectáculos familiares Moito Conto e Roedores, así como as comedias Curriculum Vitae, con Mónica García e Guillermo Carbajo, e Amor Flexible, protagonizada por Mela Casal, Guillermo Carbajo e Tamara Canosa.

Compartir: