ACCIÓN CULTURAL

Dezasete novos talentos musicais participan no V Festival Peregrinos Musicais

15/09/2015 A capital galega acolle durante os próximos días 21 ao 25 de setembro o V Festival Internacional Peregrinos Musicais. Nesta ocasión, serán 17 os mozos e mozas que intervirán en cinco novos concertos, que se ofrecerán en diferentes escenarios da cidade compostelá. Actualmente, son xa auténticos clásicos virtuosos pero, con este certame, teñen a posibilidade de darse a coñecer internacionalmente. A súa peregrinación por Compostela completarase cun gran concerto no Auditorio de Galicia, formando parte por un día do elenco da Real Filharmonía de Galicia.

A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois; o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, e a directora do V Festival Peregrinos Musicais, Ilona Timchenko, presentaron en rolda de prensa a programación do certame, no que participarán cinco intérpretes son rusos, un mozo bielorruso, unha moza holandesa e dez músicos de diferentes puntos de Galicia, catro deles unidos nun cuarteto. Todos foron seleccionados tras unha rigorosa proba de selección. Os músicos rusos que foron convidados a participar nesta edición de Peregrinos Musicais son bolseiros das fundacións Rostrópovic e Vladímir Spivákov. Únese a partir deste ano a Fundación holandesa Peter de Grote, que achega ao festival unha prometedora violinista.

Nesta edición ábrese unha nova rúbrica de concertos, ofrecendo ao público un evento que sobe ao escenario a mestres e laureados. Esta idea xurdiu tras os primeiros froitos obtidos grazas aos acordos de colaboración con outras asociacións que comparten o mesmo obxectivo: internacionalizar e impulsar a carreira musical dos novos intérpretes clásicos.

É o caso dalgúns dos ex participantes galegos ou que residen en Galicia, posto que tras a súa posta de longo como Peregrinos Musicais xa fan carreira musical noutros festivais internacionais, conseguindo novos méritos. En recoñecemento a eles, vólveselles a convidar ao Festival nun concerto no que compartirán escenario con mestres consagrados ou músicos profesionais. É o caso de Amelia Ónega (clarinete) e Diana Poghosyan (violín), que compartirán escenario coa pianista de renome internacional Ilona Timchenko.

Os escenarios elixidos para o V Festival son o Teatro Principal (dous concertos), a Catedral de Santiago, o Paraninfo da USC na Facultade de Xeografía e Historia e o Auditorio de Galicia. Os concertos na USC e na Catedral de Santiago son gratuítos. Os menores de 18 anos non terán que pagar entrada nas outras tres programacións do V Festival, e poderán acceder ás salas de forma totalmente gratuíta. As entradas do concerto inaugural, no Teatro Principal, e do de clausura, no que participará a Real Filharmonía de Galicia, venderanse ao prezo de 5 euros. No concerto "Mestres e laureados" as entradas serán a 8 euros.

Proxecto pioneiro
O proxecto Peregrinos Musicais é pioneiro en Galicia e está enfocado, principalmente, a mozos de entre 12 e 21 anos e que xa teñen un alto nivel musical. Durante estes 5 anos, por Santiago pasaron máis de 60 mozos que estreitaron lazos a través da música clásica. Estes músicos viñeron desde Suecia, Armenia, Holanda, Bielorrusia ou Xeorxia, aínda que a gran maioría veñen de Rusia, berce de grandes mestres mundiais da música clásica.

Coa organización deste festival conséguese ademais dar proxección internacional e coidar a novas promesas que moi pronto serán profesionais da música. E é unha forma de pór ao seu alcance grandes escenarios e a ocasión única de formar parte dunha prestixiosa orquestra como a Real Filharmonía de Galicia.

A maior parte dos mozos que participan nesta edición son músicos que estudaron ou se formaron nos mellores conservatorios de Europa. Coa organización destes concertos conséguese dar a estes novos talentos musicais un primeiro impulso internacional e unha importante proxección, acorde ao seu esforzo e preparación. Hoxe son novas promesas, pero mañá a música será a súa profesión. Por tanto, superar as probas de selección para participar no Festival Peregrinos Musicais é xa, con seguridade, unha proba de gran talento musical.

Peregrinos Musicais
A Asociación Peregrinos Musicais xurdiu no ano 2011 en Santiago de Compostela da man da pianista rusa afincada na capital de Galicia Ilona Timchenko. A asociación ten como obxectivo a promoción dos novos artistas galegos. Do nacemento da asociación xurdiu unha das súas actividades centrais, o seu Festival. O fin de Peregrinos Musicais é realizar actividades conxuntas e de intercambio con outros mozos músicos importantes e de prestixio internacional. Ademais, realiza actividades de promoción dos intérpretes galegos e doutros músicos afincados en Galicia.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: