POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello de Santiago presenta unha batería de medidas para acoller as persoas refuxiadas

15/09/2015 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, presentou está mañá en rolda de prensa unha batería de catro medidas polas que Santiago de Compostela acollerá a persoas refuxiadas. O obxectivo das mesmas está en canalizar a solidariedade que a veciñanza compostelá transmitiu nas últimas semanas.

Unha das medidas será a creación dun formulario, que estará a disposición de todos os veciños e veciñas da cidade na páxina web do concello. Os e as interesadas en participar como voluntarios da chamada "Rede Compostelá de Solidariedade coas Persoas Refuxiadas" deberán anotarse e indicar con que tipo de vivenda queren colaborar, se coa súa propia ou cunha segunda residencia. Incluirase tamén un apartado para que os profesionais que o desexen se anoten como voluntarios.

A concellería de Políticas Sociais elaborará tamén un catálogo de servizos municipais do Concello que se porán a disposición das persoas refuxiadas. Ademais, Concha Fernández sinalou que dende o seu departamento "se fará un chamamento ás entidades bancarias para que colaboren con vivendas baleiras".

Todo este proceso ten un cuarto eixo, que é o da colaboración con outras administracións, tanto locais como autonómica e estatal e con entidades e ONG’s que traballan activamente na defensa dos dereitos das persoas refuxiadas. Unha colaboración que quedará patente o próximo martes 22 nunha mesa de traballo á que están convidadas distintas entidades da cidade.

Dende que a alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, convidou á nosa cidade a sumarse á Rede de Cidades Refuxio, o Goberno local foi dando pasos para concretar a colaboración e a acollida das persoas refuxiadas. Tras sumarse a esta Rede, a Corporación aprobou unha declaración institucional na que amosou a súa "disposición a colaborar de forma activa na solución da gran crise humanitaria que está a padecer a Unión Europea como consecuencia da chegada de refuxiados".

Compartir: