ALCALDÍA

Os concellos de Santiago e Teo e a Xunta asinan o convenio para garantir o servizo de transporte urbano dos Tilos

14/09/2015 Os alcaldes de Santiago, Martiño Noriega, e de Teo, Rafael Sisto, xunto coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, firmaron o convenio de colaboración para a coordinación dos servizos de transporte público con orixe ou destino na urbanización dos Tilos.

O obxecto deste convenio, que entra en vigor este martes, é habilitar o transporte urbano de Santiago a estender os seus servizos á urbanización dos Tilos, situada no termo municipal de Teo. En virtude de tal habilitación, poderanse realizar tráficos interurbanos coa devandita urbanización, tanto de entrada como de saída da cidade. Así, o acordo recolle a extensión das actuais liñas 6 e 12 do transporte urbano ata Os Tilos.

O Concello de Santiago, como órgano de contratación, impulsará as adaptacións oportunas no contrato de xestión do transporte urbano. Así mesmo, nas futuras licitacións que promova o Concello para adxudicar a esta xestión deberá incluír a prestación deste servizo, nas condicións previstas no convenio.

Con este documento créase unha Comisión de Seguimento coa representación da Xunta de Galicia e dos concellos de Santiago e Teo, que terá como funcións velar polo cumprimento do convenio, interpretalo e resolver as posibles dúbidas e aprobar as modificacións substanciais nas condicións de prestación do servizo.

Compartir: