ALCALDÍA

Os alcaldes de Santiago e Teo buscan fórmulas de cooperación en materia de seguridade cidadá, mobilidade e municipalización de servizos

14/09/2015 O alcalde de Santiago continuou hoxe coa rolda de contactos cos seus homólogos nos concellos da comarca. Esta mañá, Martiño Noriega recibiu ao rexedor de Teo, Rafael Sisto, con quen abordou algúns dos problemas e dos retos comúns dos dous municipios.

A mobilidade foi un dos asuntos centrais da xuntanza porque, explica o alcalde compostelán, "os problemas de tránsito de Santiago dependen do que aconteza nos municipios da contorna, e do servizo de transporte público co que conte a súa veciñanza". Nese sentido, Noriega e Sisto falaron da necesidade de mellorar as comunicacións existentes, e tamén de buscar fórmulas para aumentar a autonomía municipal nesta materia.

Os alcaldes de Santiago e Teo abordaron tamén cuestións relacionadas coa Seguridade Cidadá. Rafael Sisto puxo sobre a mesa a vontade do concello de Teo de colaborar, mesmo economicamente, para que os bombeiros de Compostela poidan prestar servizo no seu municipio. Ao respecto, Martiño Noriega insistiu en que o debate "non debe ser onde estea ubicado fisicamente o parque de bombeiros, porque o importante é que se preste o servizo".

Por último, Martiño Noriega e Rafael Sisto afondaron nas fórmulas para a municipalización dalgúns servizos como o da auga, seguindo na liña do xa falado polos alcaldes de Santiago e Ames.

O alcalde compostelán ten previsto continuar nas próximas semanas a súa rolda de reunións cos rexedores da comarca. Despois deses primeiros contactos, a intención é crear grupos de traballo entre os municipios, que busquen solucións ás problemáticas concretas.

Compartir: