MEDIO AMBIENTE

A Concellaría de Medio Ambiente colabora en dous Obradoiros de Participación Socioambiental no Museo do Pobo Galego

14/09/2015 O Museo do Pobo Galego, en colaboración co Concello de Santiago, organiza dous Obradoiros de Participación Socioambiental, dirixidos a adultos e nenos de máis de 7 anos. O custo de cada curso é de 3 euros, 5 polos dous, cos que se cobren os materiais. Os socios e as persoas desempregadas poden anotarse de balde.

O primeiro obradoiro, que leva por nome "Construímos a nosa casa", terá lugar o venres 18, ás 17:30 horas, cunha duración de hora e media. Nel desenvolveranse dinámicas participadas nas que os rapaces aprenderán da existencia de recursos limitados, da dependencia dos seres humanos de materias primas e da importancia da colaboración para a realización dalgunhas actividades.

O segundo obradoiro desenvolverase o sábado 19 de setembro, ás 11:30 horas, e levará por nome "Cambio climático e nós", cunha duración de dúas horas. A idea reside en analizar as posibles repercusións que o cambio climático pode ter na nosa sociedade e os efectos a nivel local.

Compartir: