ALCALDÍA

O alcalde sinala a municipalización da auga coma un dos grandes retos da lexislatura para Santiago e os concellos do entorno

11/09/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, iniciou co alcalde de Ames, José Miñones, unha rolda de contactos cos rexedores dos municipios do entorno de Santiago. O obxectivo é xerar dinámicas de traballo e de colaboración en cuestións como a mobilidade, os servizos de emerxencias ou a municipalización do servizo da auga.

"Trátase de ir ao concreto, con colaboracións que amosen que xa é o momento de exercer ese espazo de gran capital compartido tanto laboralmente como no día a día como na prestación do servizos", indicou o alcalde a propósito desta xuntanza e das próximas previstas. Neste sentido, dixo, "o da auga é un gran reto para esta lexislatura".

Sobre o modelo para a prestación deste servizo público da auga, Noriega apuntou que o Concello de Santiago está estudando os formatos. Con todo, apuntou que "o feito de que de que puidera ir máis alá da fronteira administrativa e englobar varios concellos daríalle un potencial a unha cuestión importante e, no fondo, xustificaría xa de por si a colaboración neste campo".

A creación dunha senda peonil entre Santiago e Ames, o parque comarcal de bombeiros, o transporte metropolitano ou os plans de mobilidade de ambos concellos foro outros dos temas sobre os que falaron Martiño Noriega e José Miñones.

Compartir: