ALCALDÍA

Martiño Noriega valora o anuncio da base de Ryanair en Lavacolla e reitera a aposta pola cooperación en materia aeroportuaria

11/09/2015 O alcalde de Santiago cualificou de "positivo" o anuncio realizado pola compañía Ryanair de fixar unha das súas bases no aeroporto de Lavacolla a partir da temporada de verán 2016. Para Martiño Noriega, a decisión "consolida o servizo que presta esta compañía no aeroporto de Lavacolla e amplía as expectativas de mellora dese servizo, polo investimento e polo que vai repercutir a nivel de persoal".

Tras referirse aos contactos mantidos nas últimas semanas dende o Concello con Ryanair e reiterar o positivo da nova, Noriega expresou o desexo do Goberno municipal por converter Lavacolla nun aeroporto cunha centralidade e cunha oferta de aeroporto de internacional, da que se beneficia non só a cidade senón o conxunto do país e a área metropolitana".

Aproveitou para facer unha reflexión sobre as relacións das administracións locais coas compañías aéreas. "Vemos con preocupación determinadas dinámicas destes últimos anos de competición e de subvención, nunha especie de poxa, ás compañías aéreas". "Ao final –engadiu- estamos a falar de fondos públicos e é unha dinámica que non ten fin se non somos quen de cambiala",

Fronte a isto, explicou, "apostamos, e cónstanos que non somos os únicos, pola cooperación e non pola competición". Indicou que deste tema xa falou coa ministra de Fomento, co presidente da Xunta e co Concello da Coruña e "a idea é rachar con esta dinámica de competición e cambiala pola da colaboración".

Compartir: