ALCALDÍA E EDUCACIÓN

O Concello inaugura o curso escolar cun acto pioneiro no Auditorio de Galicia

11/09/2015 O alcalde, Martiño Noriega, e o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, participaron esta mañá no Auditorio no acto de inauguración do curso escolar de Infantil e Primaria, unha cerimonia que se celebra por primeira vez e á que se lle quere dar continuidade. Con ela, o Concello de Santiago recoñece o labor do profesorado, ao tempo que despide aos alumnos de 6º de Primaria, que no vindeiro curso continuarán os seus estudos nos institutos da cidade.

O alcalde foi o encargado de pechar o acto, que definiu como unha homenaxe do Concello á escola pública. Para Martiño Noriega, "o ensino público, como tamén a sanidade pública, son ferramentas imprescindibles para corrixir as desigualdades sociais". O rexedor dixo agardar tamén que o Concello de Santiago, "igual que os alumnos, consiga o aprobado en materia de Educación nos vindeiros cursos".

Compromiso coa Educación
O concelleiro de Educación aproveitou o acto para reivindicar a importancia do traballo do profesorado na "formación de persoas críticas, educadas para a convivencia pacífica e na igualdade entre homes e mulleres". Manuel Dios lembrou tamén os proxectos do Goberno local en materia de Educación, baseados na procura dunha maior participación de toda a comunidade educativa. Así, o Concello impulsará a elaboración dun Proxecto educativo de Santiago, participado por toda a comunidade educativa e no que se teñan en conta as recomendacións de expertos da Universidade de Santiago. Tamén se creará o Consello Municipal da Infancia, e daráselle un novo impulso ao Consello Escolar Municipal. A apertura da ludoteca de Fontiñas e da escola rural da Portela son outros dos plans da Concellería de Educación para este mandato.

O acto, que estivo amenizado pola Banda da Escola Municipal de Música, comezou cun monólogo de Carlos Blanco, que fixo unha clara defensa do ensino público e do idioma galego. Despois tocoulle a vez aos representantes da comunidade educativa. En nome dos estudantes falou Uxía Vidal Mosquera, unha alumna de 6º de Primaria do CEIP Rodríguez Xixirei de Lavacolla, que lles desexou boa sorte e boas notas neste curso a todos os seus compañeiros. O representante do profesorado foi Uxío Leira Muíños, director do CEIP Raíña Fabiola, que avogou pola implicación de alumnos, familias, profesorado e administración para conseguir un ensino público de calidade.

Compartir: