ACCIÓN CULTURAL

Acción Cultural abre o prazo de presentación de propostas didácticas en artes escénicas

10/09/2015 A Concellería de Acción Cultural pon en marcha todos os anos un programa didáctico para o curso escolar que abrangue diferentes disciplinas. Para o programa de artes escénicas (teatro, monicreques, danza e circo) vén de abrir unha convocatoria de recepción de propostas. Todas aquelas empresas interesadas deben presentar os seus espectáculos (unha única proposta por empresa) ata o 27 de setembro no enderezo electrónico proxectoscultura@santiagodecompostela.gal. De entre todas as recibidas, o Departamento de Acción Cultural elixirá seis que serán as que se ofrecerán aos centros escolares.

Para a adxudicación destes contratos disponse dun crédito de 25.000 euros e cada unha das propostas non pode superar os 5.000 euros de orzamento, IVE incluído. Na documentación a presentar terá que incluírse, ademais dos datos da empresa, unha memoria do espectáculo e outra didáctica e de mediación coas comunidades educativas; as indicacións do público obxectivo; a xustificación de solvencia técnica e profesional e o orzamento. Cada empresa pode presentar só unha única proposta e elixiranse un total de seis.

A avaliación de propostas farase por conta dun equipo conformado por dous técnicos do Concello (Xesús Amado, técnico de programación cultural do Concello, e Ángeles Otero, responsable do programa didáctico do Auditorio de Galicia), así como por Daniel Baamonde, director teatral representante do sector escénico, e por Cristina Trigo, especialista en educación artística. Valorarán, por esta orde de prioridade, a adaptación ao contido curricular do segmento de idade ao que vai dirixido; a singularidade e orixinalidade do proxecto artístico; as técnicas artísticas empregadas; a experiencia da compañía no traballo con público escolar; o currículo, formación e traxectoria profesional da persoa encargada da mediación en relación coa didáctica artística, vinculada ás artes escénicas; e a valoración económica.

As empresas poderán presentar as súas propostas en formato electrónico no enderezo proxectoscultura@santiagodecompostela.gal e teñen de prazo para facelo ata o vindeiro 27 de setembro. Unha vez estean seleccionados os 6 espectáculos publicarase a resolución na páxina web da Concellaría de Acción Cultural.

Direccións relacionadas



Compartir: