ALCALDÍA

O alcalde insiste na necesidade de atopar solucións para a crise do sector lácteo

10/09/2015 O alcalde de Santiago quixo dar mostra este mediodía da solidariedade dos veciños e veciñas da capital galega cos gandeiros, asistindo á manifestación convocada pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo dende a Alameda compostelá. Coa súa presenza, Martiño Noriega fixo un chamamento a atopar solucións para unha crise que está levando á desaparición a ducias de explotacións galegas, e que deixa en moi difícil situación a outros centos.

O alcalde reitera que "as reivindicacións dos gandeiros son xustas, e é preciso que se empecen a adoptar decisións". Neste sentido, Martiño Noriega afirma que "máis alá do legal ou ilegal, está o que é xusto ou inxusto". Ademais, o alcalde avoga por procurar unha solución satisfactoria para os gandeiros, que permita poñerlle fin a unha semana de mobilizacións na cidade, cos conseguintes custos económicos para as arcas municipais e molestias para os veciños de Santiago, "unha capital solidaria cos problemas do noso sector primario".

Compartir: