ACCIÓN CULTURAL

O danés Jørgen Leth, protagonista dunha retrospectiva en Curtocircuíto 2015

09/09/2015 Un dos elementos que conforman a identidade do Festival Internacional de Cine Curtocircuíto son as súas retrospectivas, como a dedicada ao canadiano Mike Hoolboom o pasado ano. Nesta ocasión, o danés Jørgen Leth únese ao xa anunciado Aki Kaurismäki como cineasta ao que o festival homenaxea en 2015.

A figura de Leth é dunha relevancia capital na historia do cinema danés. Considerado por moitos membros da xeración Dogma dos 90, coma o pai do seu movemento, mestre do reputado Lars von Trier; o cineasta de Aarhus conta na súa carreira con máis de 40 películas dende os 60. Unha das máis coñecidas é The perfect human, estreada xunto a La chinoise, de Jean-Luc Godard, no festival de Cannes en 1967. Estudo do corpo humano non exento de ironía, posicionouno como unha das referencias europeas do cinema de vangarda. A inicios dos 2000, Lars von Trier recuperará ese filme e proporalle ao seu mestre volver filmalo cinco veces, con diferentes obstáculos en cada ocasión. O resultado é The five obstructions, que revitalizou a figura de Leth. Estas dúas películas compoñen a primeira das cinco sesións que lle dedica Curtocircuíto.

Pero a obra de Jørgen Leth é moi diversa e, amais de cinema experimental, tamén realizou grandes filmes de viaxes e deportivos, os outros dous elementos nos que se centra a retrospectiva. Xornalista para os medios públicos daneses durante anos na retransmisión do Giro de Italia e do Tour de Francia, da súa experiencia nestas competicións deportivas naceron filmes referenciais como A sunday in hell, que segue os pasos de lendas deste deporte como Eddy Merckx ou Ole Ritter, nunha das etapas máis duras do Tour. De especial interese son para os españois Pelota, un dos mellores retratos xamais filmados sobre a pelota vasca; e Michael Laudrup: a football player. Completan o programa Chinese ping-pong e motion picture, dúas das súas cintas deportivas máis emblemáticas.

Dos filmes de viaxes, mostraranse as "escenas de América" de Leth, rodadas en dúas visitas, unha en 1982 e outra en 2003, e filmadas nos mesmos lugares con dúas décadas de diferenza. Nelas, compón un retrato dos Estados Unidos a través de varios dos seus símbolos. Mediante o seu contacto con colegas coma o artista por excelencia do pop art Andy Warhol, ou o fotógrafo e cineasta Robert Frank, intérnase amais na escena artística de cada momento. Súmase á sesión New York Street Performers, curioso filme sobre artistas da rúa que Leth rodou en Nova York a inicios dos 80.

A retrospectiva de Leth complétase cunha charla que ofrecerá no CGAC o venres 9 de outubro, aberta a todo o público que o desexe, na que se poderá conversar co mestre danés sobre a súa obra. Amais de cineasta, Leth dá clases na Escola Nacional de Cinema de Dinamarca e na Universidade de Nova York. Continúa a ser un reputado comentarista deportivo.

A continuación, as sesións cos seus títulos e as películas que inclúen:

1. Orixes: de ida e volta
The Perfect Human (1967) – 13 min.
The Five Obstructions (2003) – 90 min.___103 min.

2. Comentarios: deporte e movemento
Chinese Ping Pong (1972) – 14 min.
Motion Picture (1970) – 20 min.
Pelota (1983) – 43 min.___77 min.

3. A Sunday in Hell (1977) – 111 min.

4. Michael Laudrup: A Football Player (1993) – 74 min.

5. Escenas dende América
New York Street Performers (1982) – 34 min.
66 Scenes From America (1981) – 42 min.
New Scenes From America (2002) – 35 min.___111 min.

Compartir: