ALCALDÍA

Concello e empresarios, da man na demanda das infraestruturas pendentes

09/09/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e os concelleiros de Desenvolvemento Económico, Marta Lois, e de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, reuníronse en Raxoi coa directiva da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, encabezada polo seu presidente, Jesús Chenel.

Noriega tivo a ocasión de transmitirlle aos empresarios o contido da xuntanza mantida recentemente coa ministra Ana Pastor en materia de infraestruturas. Así, comunicoulles a demanda realizada a Fomento para que o orbital de conexión da AP-9 coa A-54 se complete coa conexión deste coa N-550 e cos polígonos industrias, unha das demandas do colectivo empresarial.

Alcalde e empresarios tamén coincidiron na necesidade de que a Xunta de Galicia avance no proxecto da variante de Aradas.

Na xuntanza tamén se trataron outros temas que afectan ao Polígono do Tambre, como a vixilancia, o transporte público ou a implicación universitaria no desenvolvemento empresarial da cidade.

Compartir: