PLENO

O Concello de Santiago mostra a súa disposición a colaborar de forma activa na acollida de refuxiados

07/09/2015 O Pleno da Corporación aprobou por unanimidade unha declaración institucional relativa á crise humanitaria e ao acollemento das persoas que buscan refuxio en Europa. Na sesión tamén se aprobou unha moción de apoio ao sector lácteo e fixáronse os festivos locais para o ano 2016.

Na declaración, o Concello defende que "Europa e os seus Estados membros deben ser, no contexto mundial, un espazo de referencia para a defensa da dignidade e dos dereitos humanos, capaz de ofrecer unha resposta integral e global á crise migratoria desencadeada alén das súas fronteiras". Por este motivo, a Corporación Municipal de Santiago de Compostela, "conforme á especial filiación europea e vocación acolledora da cidade, mostra a súa disposición a colaborar de forma activa na solución da gran crise humanitaria que está a padecer a Unión Europea, como consecuencia da chegada de refuxiados".

Nesta liña, o Concello de Santiago manifesta a súa vontade de "por a disposición das administracións públicas competentes a súa capacidade de acollida para contribuír, de forma solidaria, a resolver esta situación".

A crise humanitaria dos refuxiados motivou mocións de varios dos grupos da Corporación, polo que se debateron conxuntamente, saíndo finalmente a devandita declaración.

Apoio ao sector lácteo
Tamén motivou varias mocións a defensa do sector lácteo. Do mesmo xeito, estas derivaron nunha declaración de apoio ás mobilizacións do sector, na que se pide á Xunta e ao Goberno central que se adopten medidas que garantan a recollida do leite pola industria e a instauración en Galicia da figura do mediador, que vele polo cumprimento dos contratos firmados entre produtores e industria, así como as medidas estruturais que garantan a dignidade do sector.

Violencia de xénero
Outra das mocións aprobadas por unanimidade, neste caso presentada polo grupo do Goberno, foi unha relativa á violencia de xénero. Acordáronse medidas de dó e solidariedade por cada asasinato machista, como a publicación de comunicados de prensa de repulsa, a convocatoria dun minuto de silencio na praza do Obradoiro ou o inicio de cada pleno ordinario gardando tantos minutos de silencio como persoas asasinadas dende o anterior pleno.

A estas medidas sumaranse outras de apoio institucional e presencial cando o asasinato ocorra en Galicia e, particularmente, en Santiago. Neste último caso declararíase día de loito oficial.

Ademais, asúmese o compromiso de incrementar os orzamentos municipais dos programas e servizos públicos dedicados á prevención e abordaxe da violencia machista, e ínstase á Xunta e ao Goberno do Estado a asignar os recursos necesarios para esta loita.

Regulamento orgánico e ordenanza de actividades
Igualmente por unanimidade, deuse o visto bo a dúas proposicións presentadas polo BNG. A primeira delas era relativa á reforma do Regulamento Orgánico do Pleno, e acordouse crear unha comisión para este fin, co obxectivo de "ter antes de que remate 2015 un novo documento normativo que rexerá o máximo órgano de decisión e de representación cidadá, como o é Pleno municipal, co fin de contribuír a promover a participación da veciñanza e do asociacionismo na xestión municipal, ao tempo que favoreza a democratización, axilidade e transparencia na toma de decisións".

A outra proposición insta ao Concello a "revisar a ordenanza reguladora de actividades, instalacións e ocupacións da vía pública co obxectivo de garantir os dereitos fundamentais de colectivos e entidades que organicen actividades na cidade de Santiago, tanto no relativo a facilitar a conexión eléctrica nos eventos, na regulación e devolución urxente de fianzas e garantías económicas depositadas e noutros aspectos que na norma actual manteñen arbitrariedade á hora de conceder ou non autorizacións municipais".

Pacto sobre infraestruturas e acceso a edificios históricos
Neste caso non por unanimidade, senón cos votos do grupo popular e coa abstención dos outros tres grupos da Corporación, saíu adiante unha proposición do primeiro instando á adopción dun pacto institucional sobre as infraestruturas.

Tamén presentada polo grupo popular e cos votos deste e do grupo socialista, e malia a abstención de BNG e Compostela Aberta, aprobouse unha proposición instando á colaboración do Concello para facilitar a visita a edificios de carácter histórico.

Traslado do 061
Ademais, o Concello pronunciouse contra o traslado dos servizos do 061 e do 112 dende Santiago á Estrada. Foi a través dunha moción presentada polo BNG e ratificada tamén por Compostela Aberta e PSdeG-PSOE, e coa abstención do PP.

Premio Xohana Torres
Outra moción que recibiu o visto bo plenario unánime foi unha do BNG na que o Concello de Santiago se compromete a "incluír nos vindeiros orzamentos a partida necesaria para convocar o Premio Xohana Torres nas edicións futuras e a darlle publicidade a este galardón, co obxectivo de divulgar o labor de mulleres que destacaron na historia da cidade e de Galiza".

Festas populares, Lei mordaza e apoio ao movemento LGTBI
A proposta do grupo socialista, tamén por unanimidade, aprobouse unha moción na que se reclama unha regulación fiscal da actividade económica vinculada ás festas populares que atenda ás peculiaridades de Galicia.

Os socialistas presentaron a continuación outra moción reclamando a retirada da chamada "Lei mordaza". Neste caso, a proposta saíu adiante cos votos de CA, PSdeG-PSOE e BNG e co voto en contra do PP.

Finalmente e malia a abstención do PP, saíu adiante co voto favorable dos outros tres grupos unha moción presentada polos socialistas instando a tomar medidas de integración do colectivo LGTBI na cidade.

Festivos 2016
Os festivos locais para o ano 2016, que novamente serán o día da Ascensión (5 de maio) e a festividade de San Roque (16 de agosto).

Á data fixa como festivo local da Ascensión, que en 2016 caerá o xoves 5 de maio, súmase esta vez a tamén habitual do San Roque, que desta vez celebrarase un martes. Neste ano 2015, ao caer o San Roque domingo, a outra festividade local fora o San Xoán.

Compartir: