COMERCIO

Este venres remata o prazo para presentarse ás axudas a empresas e comercios do programa Urbana Santiago Norte

07/09/2015 O día 11 setembro remata o prazo para presentarse ás diferentes liñas de axudas para a dinamización económica e comercial nos barrios ubicados dentro do programa Urbana Norte, proxecto cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Hai catro liñas de axudas distintas dirixidas a persoas emprendedoras, empresas xa en funcionamento e pequenos comercios. Para o conxunto das catro liñas de axudas dedícanse 160.000 euros.

A primeira liña de axudas vai destinada á para a posta en marcha de novas liñas de negocio e ferramentas de xestión empresarial. O seu obxectivo é fomentar a realización de novos proxectos de negocio e iniciativas de mellora da competitividade por parte do empresariado mediante axudas a fondo perdido ao gasto corrente no que incorren estas iniciativas no lanzamento de novas liñas de negocio e ferramentas de xestión empresarial. Dedícase a esta convocatoria un volume de fondos de 50.000 euros.

A segunda liña de axudas destínase á reforma de locais de negocio e incorporación de maquinaria e equipos para a posta en funcionamento de novas liñas de negocio e/ou ferramentas de xestión empresarial. A finalidade destas axudas é fomentar a realización de novos proxectos de negocio e iniciativas de mellora da competitividade por parte do empresariado do territorio obxecto do programa Urbana Santiago Norte mediante axudas a fondo perdido ao investimento no que incorren estas iniciativas no lanzamento de novas liñas de negocio e ferramentas de xestión empresarial. Dedícase a esta convocatoria un volume de fondos de 40.000 €.

Estas axudas contan con dúas liñas similares, pero destinadas en particular ao comercio de proximidade. Así, hai unha liña de axudas para a posta en marcha de novas liñas de negocio e ferramentas de xestión empresarial para pequeno comercio, á que se destinan 50.000 euros. Ademais, hai outra liña específica para comercios para a reforma de locais e incorporación de maquinaria e equipos, que conta cunha partida de 20.000 euros.

Toda a información sobre as axudas pode consultarse na web do Cersia. As consultas sobre estas convocatorias tamén se poden facer no correo electrónico cersia@santiagodecompostela.gal, agás no caso das liñas de axudas para comercio de proximidade, nas que a dirección de correo de referencia é comercio@santiagodecompostela.gal.

Compartir: