MEDIO AMBIENTE E CONVIVENCIA

Conferencia aberta da profesora Lucie Sauvé, unha das máximas referentes da educación ambiental a nivel mundial

07/09/2015 O Concello de Santiago colabora na conferencia prevista para o vindeiro xoves, 10 de setembro, da profesora Lucie Sauvé, catedrática de Educación Ambiental na Universidade de Quebec (Canadá). A sesión, titulada "Educación Ambiental e Ecocidadanía: un reto cosmopolítico", terá lugar ás 19:00 horas no auditorio da Biblioteca Pública Ánxel Casal, con entrada de balde.

Os días 10 e 11 de setembro estará en Santiago de Compostela a profesora Lucie Sauvé, invitada polo Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela. Lucie Sauvé é profesora do Departamento de Educación e Pedagoxía da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Quebec, en Montreal (Canadá) e titular da Cátedra de Investigación en Educación Ambiental de Canadá. Tamén dirixe o Centro de Investigación en Educación relativa ao Medio Ambiente e á Ecocidadanía da Universidade de Quebec (www.centrere.uqam.ca).

Lucie Sauvé é unha das máximas referentes do campo da educación ambiental a nivel mundial. O selo distintivo da súa obra é non ter segregado o compoñente académico-científico do ético-político. Os seus campos de especialización son a Educación Ambiental, a educación en saúde ambiental e ecodesenvolvemento, a educación científica e tecnolóxica, a educación comunitaria e a formación a distancia.

Entre as actividades académicas que desenvolverá en Compostela, Lucie Sauvé ofrecerá a conferencia "Educación Ambiental e Ecocidadanía: un reto cosmopolítico", coorganizada polo Concello de Santiago e a USC, o xoves 10 de setembro, ás 19:00 horas, no auditorio da Biblioteca Pública Ánxel Casal. O acceso será libre ata completar o aforo.

Compromiso
Ademais da súa actividade académica e estreitamente relacionada con ela, a profesora Lucie Sauvé ten asumido un forte compromiso político coa loita en contra dos graves impactos ambientais e sociais da industria gandeira e da minería en Canadá, organizando un grupo de expertos para investigar e vixiar o traballo destas empresas, en primeiro termo no propio territorio canadense, pero tamén fóra del.

Dende hai máis de 20 anos traballa na construción e consolidación do campo da educación ambiental, cunha vasta produción teórica e metodolóxica, que ten contribuído decisivamente a establecer as estratexias para orientar o traballo nesta materia a nivel mundial. No ámbito académico, Lucie Sauvé ten realizado o exame máis detallado das distintas correntes da educación ambiental no mundo, creando unha cartografía na cal se analizan as diversas modalidades e formas de facer educación ambiental. A súa proposta é a máis utilizada actualmente a nivel internacional.

Lucie Sauvé é unha apaixonada de Iberoamérica, desenvolvendo proxectos de investigación con distintas universidades e organizacións de América Latina e España. Entre elas destaca o proxecto Educación Ambiental na Amazonia (Edamaz), que involucrou a catro países de dita rexión (Brasil, Colombia, Bolivia e Perú). A principios deste ano foi nomeada Doutora Honoris Causa pola Universidade de Veracruz (México).

A súa é unha lectura obrigada en todos os programas de formación de educadores ambientais no mundo.

Documentos relacionados



Compartir: