XUNTA DE GOBERNO

Ábrese a inscrición nas actividades con límite de praza dos centros socioculturais para o último trimestre do ano

07/09/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, deu conta dos asuntos tratados na sesión extraordinaria da Xunta de Goberno. Entre eles figurou o calendario de actividades dos centros socioculturais para os últimos meses do ano e varios convenios con entidades sociais.

A Xunta de Goberno aprobou un gasto de 77.728 euros para a programación a desenvolver entre os meses de setembro e decembro nos 43 centros e locais socioculturais. O calendario de preinscrición para participar nas actividades con límite de praza establécese, de modo xeral, do 7 ao 19 de setembro na maioría dos centros socioculturais da zona urbana.

Os interesados poden achegarse xa aos centros de Vite, Conxo, Fontiñas, A Trisca, O Ensanche, Santa Marta e O Castiñeiriño para coñecer o calendario de preinscrición, as novas actividades e os prezos, que tamén poden ver nesta web e na dos Centros Socioculturais.

No caso dos centros socioculturais do rural, o prazo para as preinscrición será do 1 ao 6 de outubro e os cursos regulares comezarán no mes de novembro.

O obxectivo desta extensa programación é promover o desenvolvemento integral das persoas, fomentar a convivencia e incrementar a participación da veciñanza na vida da cidade, dos barrios e das parroquias, arredor de centros de interese como son a animación sociocultural, a educación permanente, as artes e a cultura, o tempo libre, a participación cidadá, as novas tecnoloxías e a lectura a través das bibliotecas dos centros socioculturais.

Convenios con entidades sociais
Por outra parte, na sesión aprobáronse catro novos convenios con entidades sociais. As beneficiarias das achegas do Concello son: Asociación de Loita contra Enfermidades do Ril da Coruña (Alcer), 2.000 euros; Asociación Voluntarias da Caridade San Vicente de Paúl", 6.000 euros; Fundación Down Compostela, 10.000 euros; e Asociación de Pais de Persoas con Trastorno de Espectro Autista da Provincia da Coruña (Aspanaes), 3.000 euros.

Compartir: