ALCALDÍA

O Goberno local demanda celeridade no proxecto da segunda fase da estación, destinada a garantir a súa intermodalidade

03/09/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, deron conta da reunión mantida coa ministra de Fomento, Ana Pastor. Sobre os temas tratados – as obras de Conxo, a estación intermodal e a conectividade da AP-9 co norte da cidade- o rexedor atopou unha "receptividade" que "haberá que testar no tempo".

Respecto á estación, Duarte explicou que se lle demandou á ministra a participación do Concello na fase de preparación do proxecto da segunda fase, a que garantirá a conexión peonil e coa futura estación de autobuses. Dende Fomento indicouse que está contratada cunha consultora o estudo dun anteproxecto que contemple esa intermodalidade, pero o edil subliñou que "ou nos poñemos a traballar xa intensamente nisto, ou non chegaremos", poñendo como referencia unha data de remate que "non pode ir moito máis alá do 2018".

Explicou que o Concello, seguindo a filosofía do proxecto de Herreros, considera que a conexión do centro da cidade coa estación ferroviaria, coa estación de autobuses e cos barrios do Sur se debe realizar a través dunha plataforma peonil que ten que sobrepasar as vías férreas.

Conexión do orbital coa N-550
Sobre a ampliación da AP-9 e a súa conexión a través dun orbital coa A-54, insistíuselle á ministra na necesidade de conectar ese orbital coa N-550 e cos polígonos industriais. Jorge Duarte considerou esta obra como "imprescindible". En calquera caso, sobre estas conexións coa zona norte da cidade, da xuntanza saíu o compromiso de licitalas antes de finalizar 2015.

Outra das reivindicacións en relación á AP-9 é que o enlace previsto coa Cidade da Cultura permita mellora a conectividade dos barrios de Sar e Fontiñas. O concelleiro lembrou que o proxecto deste enlace o está desenvolvendo a Xunta e que existe o compromiso de Fomento de acometer estas obras. Reiterou a importancia destes nós para "alixeirar o tráfico do centro da cidade".

Paso inferior de Conxo
En relación ao último dos temas abordados con Ana Pastor, as obras en marcha do paso inferior de Conxo, Duarte explicou que se lle esixiu a Fomento que "fixe unha data definitiva de remate". Neste sentido, indicou que dende o Ministerio "séguese mantendo a data de finalización no 31 de decembro", pero que a realidade é que "ou se cambia o ritmo, ou esa data é imposible": Por iso, reclamóuselle a Fomento un "maior esforzo" co contratista para acelerar os prazos.

Compartir: