TURISMO

As 15 cidades Patrimonio presentan a súa oferta turística en Colombia e México

03/09/2015 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España continúa en setembro a promoción internacional das 15 cidades que forman a rede en novos mercados turísticos. Nesta ocasión, e tras a recente presenza no multitudinario evento MuseumsUferFest de Frankfurt (Alemaña), levaranse a cabo dúas novas campañas en Colombia e México, países americanos con mercados emisores moi interesantes para o Grupo pola forte demanda de historia e patrimonio dos seus viaxeiros.

A primeira das promocións ten lugar do 2 ao 6 de setembro en Colombia, e consistirá na participación do Grupo en tres accións comerciais destinadas exclusivamente a maioristas seleccionados por Turespaña, con rolda de negocios nas cidades de Bogotá, Medellín e Cali. Xunto as Cidades Patrimonio, participan nestas presentacións para profesionais outros destinos españois como Madrid, Andalucía e Málaga. A aeroliña Avianca patrocina esta campaña, que se complementará coa presenza do Grupo durante a fin de semana nunha feira para público final que terá lugar nun popular centro comercial da capital colombiana.

Segundo datos de FRONTUR o mercado colombiano de viaxes ao exterior creceu en 2014, cunha porcentaxe de case un 15%. O crecemento de turistas a España foi tamén dun 35,5%, preto de 200.000 viaxeiros. Polo que respecta aos turistas que nos visitaron, a maioría viaxa sen paquete turístico e visitan, por esta orde, Madrid, Cataluña e Andalucía, cunha crecente demanda de destinos de carácter cultural e ocio, que os leva a incluír entre as súas rutas as cidades históricas españolas. O seu perfil é de clase media e clase media alta, cun gasto medio de case 2.200 euros, fronte ao gasto medio do turista internacional en España, que foi de 976 euros.

O 90% dos destinos dos colombianos nas súas viaxes ao exterior son a países da América, e do 8,7% de viaxeiros que visita Europa, unha porcentaxe do 5% viaxa a España, dado que España é a porta de entrada para viaxes por Europa. Tras a firma o pasado mes de xuño do acordo entre o Goberno colombiano e a Unión Europea, polo que se suprime de xeito definitivo o visado Schengen para os habitantes de Colombia e Perú, os residentes destes países poderán ter libre acceso dende outubro ata a 24 países de Europa, co que se prevé un considerable aumento para 2016 dos turistas procedentes de Colombia que visiten España.

México
A segunda das promocións do Grupo terá como escenario México D.F. e desenvolverase o 7 e 8 de setembro. A accións foron organizadas pola Oficina Española de Turismo (OET) en México D.F, e forman do Plan Operativo de 2015 subscrito entre Turespaña e as Cidades Patrimonio para a promoción internacional dos destinos culturais que representan as 15 cidades españolas inscritas na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO.

O 7 de setembro organizaranse unha serie de visitas comerciais a axencias de viaxes e turoperadores nas que dous técnicos do Grupo presentarán directamente a oferta e recursos turísticos da rede. Para o día 8 está prevista unha presentación técnica na sede da OET, con presenza do seu director e dunha selección de maioristas e minoristas que traballan os destinos europeos.

Segundo datos de FRONTUR, preto de 300.000 mexicanos visitaron España en 2014. O turista mexicano cara a España estivo dende sempre interesado pola cultura e as cidades. O desexo de coñecer a nai patria e recuperar as súas raíces históricas son dous dos principais motivos xeradores de viaxes ao noso país. Neste sentido, abonda recordar que un capítulo importante no turismo mexicano cara a España está constituído polo chamado turismo étnico (descendentes de emigrantes españois). Actividades culturais e gastronómicas son as preferidas polos viaxeiros mexicanos en España. Case o 36% dos turistas permanece no noso país entre 4 e 7 noites, cun gasto medio en 2014 de 2.410 euros aproximadamente. Aínda que os datos de FRONTUR confirman que as chegadas de mexicanos a España en 2015 se reduciron lixeiramente con relación ao ano pasado, a tendencia que sinala o sector é positiva.

Estas dúas intensas campañas forman parte do Plan Operativo de Turismo 2015 do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, que ten como obxectivo promover os 15 destinos como marca de turismo cultural internacional, e que se vén concretando na presenza da rede nas máis importantes feiras especializadas, presentacións técnicas de produto a axencias e turoperadores, e organización de viaxes de familiarización, entre outras accións.

Compartir: