ACCIÓN CULTURAL

Aki Kaurismäki visitará Curtocircuíto

20/08/2015 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e o director do Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto, Pela del Älamo, anunciaron a presenza nesta edición do certame do cineasta finés Aki Kaurismäki, ao que se lle dedicará un programa propio. Esta é a primeira dunha serie de sorpresas que traerá o festival nesta nova edición, do 6 ao 11 de outubro. E como adianto, os días 2 e 9 de setembro, chegan as "Noites curtas", nas que se poderá ver o mellor da pasada edición en sesións ao aire libre na praza das Praterías.

O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto consolida a súa nova etapa coa presenza do mestre finés Aki Kaurismäki. A nova dirección, incorporada en 2013, considera que este é o primeiro ano no que o proxecto ten a dimensión e a liña que se lle pretende dar ao festival no futuro. Un certame de cinema no sentido máis amplo, que ademais ofrecerá unha programación musical durante tres noites, con bandas galegas e internacionais. Así, Curtocircuíto pretende ser algo máis que un festival de cinema, para converterse nun punto de encontro lúdico e cultural.

Este é o primeiro programa desta índole que se lle dedica ao finés en España. Por un lado, recóllense as súas obras menos coñecidas, os "rock films" e curtametraxes que veu desenvolvendo ao longo da súa carreira. Ademais, nun programa especial titulado "Signed by Aki K.", o finés compartirá co público un conxunto de filmes referenciais para el. O festival contará coa sua presenza os días 9 e 11 de outubro. Ademais das sesións, haberá encontros co publico.

Kaurismäki é internacionalmente coñecido por filmes como Nubes pasaxeiras (1996) ou Un home sen pasado (2002), polo que levou a Palma de Ouro en Cannes. Con estes éxitos, resulta un dos directores europeos máis recoñecidos do panorama actual. As súas películas, cun particular estilo, xiran en torno a personaxes esperpénticos en difíciles situacións, están cargadas de humor negro e dun humanismo que gañou ao público de todo o mundo.

A sesión "Rock & Shorts" mostrará varios dos filmes musicais que fixo cos Leningrad Cowboys, banda de rock’n’roll de gran prestixio. Esta unión fixo mundialmente coñecido a Kaurismäki grazas á película Leningrad Cowboys Go America (1989), na liña de cintas de grandes grupos, como A Hard Day’s Night (Richard Lester, 1964), rodada en plena beatlemanía. O filme dos Leningrad Cowboys tivo unha importante xira internacional, pero a colaboración entre o cineasta e a banda xa dera antes sinais de gran creatividade con propostas como Rocky VI (1986), Thru the Wire (1987), Rich Little Bitch (1987), Those Were the Days (1992) ou These Boots (1993), todas incluídas no programa. Estas películas conteñen algunhas das constantes que posteriormente marcarán a obra do finés. Cunha narración moi traballada, dilapidan a idea tradicional do videoclip.

Ademais de contar con esta dilatada obra musical, Kaurismäki tamén realizou varios filmes no marco de proxectos con outros cineastas, que o levaron a visitar países como Portugal, país que ama e no que reside actualmente. Alí rodou Bico (2004) e O Tasqueiro (2012). A primeira, documental de carácter patrimonial, é un honesto retrato dunha vila da zona montañosa de Castro Laboreiro, ao norte do país. Pola súa banda, O Tasqueiro conta a historia do dono dun bar en horas baixas, que intenta atraer clientes. Completan o programa Valimo (2007), sobre unha fundición; e Dogs Have no Hell (2002). Esta última retoma os personaxes da súa exitosa Un home sen pasado e conta o que aconteceu con eles logo do final do filme.

Programador convidado
A segunda sesión, titulada "Signed by Aki K.", reúne un trío de filmes elixidos polo autor. Son apostas moi especiais, pequenas xoias que o finés quere dar a descubrir ao público. A primeira delas, The Fatal Glass of Beer (Clyde Bruckman, 1933), é unha das grandes comedias escritas polo mestre do xénero W.C. Fields, tamén protagonista da curta. Coñecido nos anos 30 por desenvolver un alter ego fedello e satírico, esta película é unha parodia dos melodramas canadianos desa época.

A seguir, o filme censurado de John Huston, sobre soldados marcados mentalmente pola Segunda Guerra Mundial. Let There Be Light (1946) é un interesantísimo documental, sen distribución ata o 80, no que segue a varios ex combatentes afectados por síndromes postraumáticos. Completa a sesión o filme do seu axudante Chilles Charmant, Seul l’avenir nous le dira (2015), un tolo exercicio de ciencia-ficción no que o realizador de cinema alemán Rainer Werner Fassbinder queda crioxenizado nun aparello e esperta no ano 2028 en Francia, para atopar que o país está sumido nunha terrible ditadura.

"Noite curta" como adianto do festival en setembro
O festival contará ademais en setembro con dúas sesións ao aire libre, abertas a toda a cidadanía, na praza das Praterías, os mércores 2 e 9, ás 21:30 horas.

Este programa especial, co nome de "Noite curta", proxectará as películas gañadoras da pasada edición, ademais de contar cunha colaboración co festival de música WOS INC. A través deste acordo, o evento musical contará con proxeccións de cinema, que se anunciarán en breve, mentres que a segunda "Noite curta" establecerá diálogos entre as dúas artes. Os concertos de Curtocircuíto irmandados con WOS INC serán tamén un dos pratos fortes desta nova edición, que quere converterse nun importante evento cultural e lúdico para a cidade, co seu centro no cinema, máis establecendo relacións con outras disciplinas.

En breve anunciaranse novos contidos de Curtocircuíto, con retrospectivas dedicadas a importantes autores, unha sección oficial con estreas internacionais ou obradoiros para públicos diversos, ademais de encontros con directores, entre outras actividades.

Direccións relacionadas



Compartir: