ALCALDÍA

O Concello sumouse á homenaxe a Ánxel Casal no 79º aniversario do seu asasinato

19/08/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, participou no acto de homenaxe a Ánxel Casal, celebrado como cada 19 de agosto na Estivada da Ribeira (Montouto), preto da curva na que apareceu tras ser asasinado na noite do 18 ao 19 de agosto de 1936.

Cando se cumpren 120 anos do nacemento de Ánxel Casal, quen fora alcalde de Santiago dende febreiro de 1936 ata o seu asasinato, honrouse de novo a súa memoria. Nesta ocasión, ademais dos alcaldes de Teo, Rafael Sisto, e de Santiago, Martiño Noriega, participaron na homenaxe os alcaldes da Coruña, Xulio Ferreiro, e de Arzúa, José Luis García.

Editor e galeguista, Ánxel Casal foi asasinado cando era alcalde republicano de Santiago e o seu corpo foi atopado nunha gabia o 19 de agosto de 1936. Tiña só 40 anos.

Ademais do seu traballo como político demócrata e galeguista, Casal levou a cabo un importante labor editorial, fundando a editorial Lar e a imprenta Nós, que deu ao prelo obras xa clásicas da literatura galega. O seu labor como normalizador da lingua galega estivo tamén vinculado ao ámbito da educación, e impulsou as primeiras escolas do ensino en galego.

Día da Galiza Mártir
A participación municipal neste acto súmase á conmemoración do Día da Galiza Mártir, celebrado o 17 de agosto, en lembranza daquela data de 1936 na que foi asasinado Alexandre Bóveda na Caeira (Poio). Con tal motivo, o Concello de Santiago lembrou a Bóveda e a Casal coa publicación dunhas verbas deste último recollidas en El Pueblo Gallego o 28 de xuño de 1936, o mesmo día no que se plebiscitou o Estatuto de Galiza na II República.

Compartir: