ACCIÓN CULTURAL

"Ekilibuá", de Maintomano, en Verán na Rúa

19/08/2015 A compañía Maintomano, de Castela e León, presenta o seu espectáculo Ekilibuá este xoves, ás 19:30 horas, na praza da Quintana, nunha nova xornada do programa Verán na rúa.

Ekilibuá é un espectáculo sen palabras de circo e equilibristas dirixido a todos os públicos. Dúas personaxes, el o e seu pequeno rabaño rodante. Xogos de construción de plataformas diferentes, a ver quen sube máis alto. Sempre mirando a ver quen leva as rendas pero, sobre todo, sempre xogando man con man.

En Ekilibuá, obxectos de madeira e seres humanos alíanse en diferentes formacións xeométricas para conseguir audaces equilibrios por medio de correntes dinámicas de complicidade e humor. A compañía Maintomano preséntanos un espectáculo para todos os públicos que fusiona a teatralidade cos portes acrobáticos, o lanzamento de coitelos, os equilibrios, a manipulación de obxectos e moita complicidade.

Este espectáculo forma parte do circuíto cultural e de lecer Cultura no Camiño, promovido pola Xunta de Galicia con motivo do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela e conta co patrocinio de Turismo de Galicia e Agadic.

Direccións relacionadas



Compartir: