ACCIÓN CULTURAL

Maxia e clown en Verán na Rúa co "Laboratorio máxico" de Mandarina

18/08/2015 O espectáculo Laboratorio máxico, da compañía Mundo Mandarina, estará este mércores 19 de agosto, ás 19:30 horas, na praza de San Martiño Pinario, con entrada de balde. Con esta función, dirixida a todos os públicos, continúa o programa Verán na rúa.

Laura Mandarina é unha das mellores magas cómicas do momento e atesoura un talento que a fixo merecedora de grandes recoñecementos e galardóns: premio do público de Festiclown, da Mostra de Pallasos de Xirivella, do Farándula de Gran Canaria, do FAST de Torredembarra...

No seu Laboratorio máxico, Mandarina mestura a maxia, o clown e os monicreques e, como guinda, preséntanos o paxaro Rigoberto, amigo inseparable da protagonista e secundario de luxo, un deses "roubaplanos" que nos entenrece malia ser un chisco atravesado. Mandarina une a ironía e a intelixencia do mago co despiste, a inocencia e o amor polo público do pallaso nun cóctel realmente explosivo. Improvisación, humor e maxia sorprendente farán que a risa xurda como unha necesidade en pequenos e adultos.

Direccións relacionadas



Compartir: