XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno adxudica as obras de rehabilitación do palacete da finca do Espiño

14/08/2015 A Xunta de Goberno adxudicou na súa sesión ordinaria deste venres as obras de rehabilitación do palacete do Espiño para a súa recuperación como equipamento municipal, por un importe de 869.910 euros. Segundo indicou o alcalde, Martiño Noriega, o uso definitivo que terá o edificio decidirase nos vindeiros meses, apuntando posibilidades como o sociocultural ou o administrativo.

Segundo indicou Noriega, a adxudicación é posible grazas ao desbloqueo do procedemento tras meses de paralización, coa presentación duns recursos que finalmente foron resoltos na última mesa de contratación. Poderán así comezar as obras pare recuperar este palacete da finca do Espiño, edificio modernista -construído a principios do século pasado polo arquitecto compostelán Xesús López de Rego para o senador Ramón Gutiérrez de la Peña.

O proxecto contempla unha intervención que compatibiliza a conservación das ruínas existentes co seu novo uso. As obras afectarán a unha superficie total de 1.070 metros cadrados, dos que 860 correspondente ao propio edificio, que destacará pola súa eficiencia enerxética.

Reurbanización do SUNP-31 de San Marcos
Outro dos puntos da orde do día foi o recurso presentado no seu día pola promotora do SUNP-31 de San Marcos. Aceptouse o mesmo só no relativo á caducidade do procedemento de declaración do incumprimento do deber de urbanizar, pero non á devolución do aval, co que se inicia de novo o proceso para facer posible finalmente a urbanización deste polígono de vivendas.

O alcalde lembrou que esta urbanización quedara sen rematar por parte da promotora, inmersa nun concurso da acredores, deixando aos veciños destas vivendas nunha situación "precaria", con carencia dunha serie de servizos básicos. O Concello incautara o aval da promotora, por máis de 500.000 euros, para executar co mesmo as obras pendentes.

Malia isto -denunciou Noriega- esgotouse o prazo legal de tres meses que existía para iniciar as obras, polo que agora se "reinicia" o procedemento para solucionar este problema, que considerou "urxente".

Rúas Pedreira e Escarabuña
Tamén no eido das obras, pero neste caso viarias, iniciouse o procedemento para contratar dúas actuacións incluídas no Plan de Obras e Servizos (POS 2015), da Deputación da Coruña. Trátase das obras de reparación da rúa Pedreira e anexas e da rúa Escarabuña e anexas. O tipo de licitación é, respectivamente, de 207.946,16 euros e de 246.599,29 euros máis IVE.

A Xunta de Goberno acordou igualmente, polo procedemento de urxencia, a prórroga do contrato de Conservación, mantemento e reparación en pavimentos en viarios municipais no termo municipal non incluídos no ámbito da Cidade Histórica de Santiago, por un período de seis meses, a contar dende o 9 de setembro de 2015.

Recoñecementos de crédito
Recoñécense os créditos derivados de prestacións efectivamente realizadas en relación ás obras de mobilidade do barrio de Vista Alegre, do centro cívico do Romaño, dunha vivenda para realoxo na Muíña e da ampliación da rede de saneamento en Sarela de Arriba. Estes recoñecementos suman un total de 546.852,51 euros.

Explicou Noriega que estes recoñecementos teñen por obxecto levantar os reparos da intervención relativos a obras que se seguían a executar fóra do prazo marcado nos respectivos contratos, "sen que se fixera nada durante meses para regularizar esta situación". Neste sentido, indicou que nas vindeiras semanas se aclarará a causalidade dos retrasos en cada caso e se irá regularizando a situación destes contratos.

Convenios culturais
En materia de Acción Cultural, deuse conta do convenio asinado coa Asociación Cultural Cidade Vella, polo que o Concello achega 8.190 euros. Tamén se informou da adxudicación das actuacións da Rede Cultural 2015, da Deputación da Coruña, e da sinatura do correspondente convenio. Inclúense diversas actividades de teatro, maxia, contacontos, danza, música e títeres.

Refuxio de Animais
Ademais, a Xunta de Goberno deu conta da presentación das xustificacións do ano 2014 das cantidades subvencionadas polo Concello á Fundación Refuxio de Animais e do convenio de colaboración a subscribir coa devandita Fundación para o ano 2015, por importe de 135.621 euros e vixencia ata o 31 de decembro de 2015.

Estadio de San Lázaro e achegas a clubs
Finalmente, acordouse a prórroga ata o 30 de setembro da concesión de uso das instalacións do Estadio de San Lázaro e San Lázaro II pola Sociedade Deportiva Compostela. Tamén no ámbito deportivo, deuse conta da sinatura de seis convenios de colaboración con entidades deportivas: Club Arteal Tenis de Mesa, 12.000 euros; Club Triatlón Santiago, 12.000 euros; Santiago Futsal, 90.000 euros; Club Sociedade Deportiva Villestro, 6.000 euros; Federación Galega de Atletismo para o desenvolvemento do IV Circuíto de Carreiras Saudables, "CorreSan", 10.000 euros; e Sociedade Deportiva Compostela, 55.000 euros.

Documentos relacionados



Compartir: