ALCALDÍA

O Concello estudará o irmandamento de Santiago con Pistoia (Italia)

12/08/2015 O alcalde, Martiño Noriega, reuniuse no Pazo de Raxoi co deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez e co director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, que o informaron, respectivamente, da solicitude de irmandamento da cidade italiana de Pistoia e da marcha das obras da Catedral.

Sobre solicitude de irmandamento, o alcalde amosou a receptividade do Concello e o compromiso de estudala, á vista dos "vínculos culturais entre ambos municipios en torno ao Camiño e ao Apóstolo". Neste sentido, avaliarase tamén "en que medida este irmandamento pode ter unha dimensión popular", apuntou Noriega, estendendo esta reflexión a outros irmandamentos que xa ten Santiago de Compostela.

Tras a reunión, o alcalde anunciou tamén unha próxima visita ás obras da Catedral, aceptando así o convite realizado polo responsable da súa Fundación. A propósito destas obras, Daniel Lorenzo recoñeceu "certo retraso" e indicou que "comeza a ser urxente avanzar na rúbrica dos convenios para por en marcha as actuacións previstas", para non ter que paralizar os traballos.

Turismo de calidade
Preguntado por outra proposta realizada polo deán esta mesma semana, relativa a establecer descontos nos establecementos da cidade para os peregrinos, Martiño Noriega manifestou a súa comprensión, pero incidiu na necesidade de "ir máis alá" e de "entrar en cuestións estruturais". Así, aposta por medidas que contribúan a "fixar un turismo de calidade", logrando que Santiago deixe de ser só "lugar de paso" e que se traduza en "máis pernoctas e tempo de estancia na cidade".

Políticas activas e de prevención no monte
O alcalde tamén foi preguntado de novo polos incendios forestais e insistiu na necesidade de "políticas de posta en valor do monte", que considerou abandonadas para "fiar todo á política de extinción". "Se o fiamos todo ás témporas e á extinción, estaremos sempre no mesmo e eterno debate", reiterou, animando a preguntarse porque este fenómeno incendiario non se dá coa mesma intensidade noutras comunidades da cornixa cantábrica.

Depuradora prioritaria
Finalmente, Martiño Noriega referiuse á futura estación depuradora. Indicou que "a prioridade é garantir os fondos europeos" e "solucionar un problema estrutural de saneamento". Dito isto, explicou, o Goberno local "constatou só o que xa figura no expediente, que é que as razóns técnicas e obxectivas apuntan que a mellor solución, medioambiental, por custo e impacto, é a da Silvouta. A razón de optar pola ubicación do Souto terán que explicala outros".

Compartir: