ACCIÓN CULTURAL

Volven as Noites Curtas o 2 e o 9 de setembro como anticipo da XII edición de Curtocircuíto

11/08/2015 O alcalde de Santiago e presidente do Consello Reitor do Auditorio de Galicia, Martiño Noriega Sánchez asinou o contrato de dirección do XII Festival Internacional de Curtametraxes, Curtocircuíto, con Pela del Álamo, realizador e produtor de recoñecido prestixio, que repite por terceiro ano consecutivo.

Galego e licenciado en Comunicación Audiovisual (2002) e Máster en Documental de Creación pola Universidade Pompeu-Fabra en 2006, Pela del Álamo iniciou a súa carreira profesional no ano 2001 e dende entón traballou en publicidade, ficción e televisión. En 2005 crea Diplodocus Producións e empeza a combinar esa actividade profesional cos seus proxectos propios, sempre no ámbito do cinema documental. Dende o ano 2009 participa no laboratorio El Retrato Filmado, coordinado por Marta Andreu e organizado polo festival Play-Doc. Entre outras pezas, produciu e dirixiu A Cuarta Pista (2006) e N-VI (2012). O seu traballo levouno a DocsBarcelona Pitching Forum, Alcances, Play-Doc, Mediterranean Filme Festival, DokuFest ou Festival de Málaga.

Curtocircuíto naceu en 2004 coa intención de potenciar e premiar a creación audiovisual no eido da curtametraxe e xa se converteu nun referente internacional deste formato. Este ano 2015 celebra a súa 12ª edición.

Os mércores 2 e 9 de setembro, ás 21:30 horas, na praza das Praterías, celebraranse as Noites curtas, que abrirán boca para a nova edición do festival Curtocircuíto, que se celebrará do 6 ao 11 de outubro.

Compartir: