XUNTA DE GOBERNO

O Goberno local segue considerando "insuficiente" a achega autonómica ao estatuto de capitalidade

07/08/2015 A achega de 2,3 millóns da Xunta de Galicia para o financiamento do estatuto de capitalidade segue a ser considerada como "insuficiente" polo Goberno local. Así o indicou o secretario da Xunta de Goberno, Xan Duro, tras aprobar este órgano municipal o texto do convenio a subscribir con este fin entre o Concello de Santiago e a Consellería de Facenda, un día despois de que o mesmo fora ratificado polo Consello da Xunta.

Santiago recibirá 2.325.000 millóns de euros para financiar afrontar os gastos que lle supón a capitalidade, unha cantidade que supón un incremento do 1,2% respecto ao ano anterior pero que, en palabras de Xan Duro, "é case un millón de euros menos que en 2010, exercicio a partir do cal esta achega se reduciu cada ano". Para constatar a insuficiencia da achega, citou un informe da USC que cifraba o custo da capitalidade nuns seis millóns de euros anuais.

O estatuto da capitalidade foi un dos temas sobre os que falaron o alcalde, Martiño Noriega, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na súa recente xuntanza. Na mesma, o rexedor atopou "receptividade" no titular do Executivo autonómico á demanda municipal dunha estabilidade no financiamento das ferramentas de capitalidade, despois de anos de redución da achega.

Dende 2002
O 24 de xullo de 2002 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Lei 4/2002, de 25 de xuño, do Estatuto da Capitalidade de Santiago de Compostela, co obxecto de regular o estatuto especial desta cidade como sede das institucións autonómicas e polo seu recoñecemento como capital da Comunidade Autónoma. Establécense así os mecanismos adecuados para o tratamento xurídico-administrativo e financeiro da capitalidade desta cidade.

Neste marco, realízase unha xustificación do financiamento que consiste na certificación da Intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control interno no Concello de Santiago, da toma de razón en contabilidade dos libramentos feitos pola Comunidade Autónoma de que os referidos importes derivan do establecido na Lei 4/2002, e de que estes foron destinados a financiar os gastos do Concello xurdidos como consecuencia de ser a capital de Galicia.

Deste xeito, e co obxectivo de establecer unha coordinación entre a Administración autonómica galega e o Concello de Santiago no referido ás competencias e responsabilidade derivadas da capitalidade, creouse o Consello da Capitalidade.

A fixación de Santiago como sede das institucións autonómicas derivou na necesidade de afrontar novos retos, particularmente en relación coa prestación de servizos públicos, así como coa implantación de dotacións e equipamentos, determinados directamente pola presenza das institucións autonómicas no termo municipal.

Esta lei establece unha previsión de financiamento específico nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma co que se pretende contribuír ao financiamento dos servizos e gastos do Concello motivados por este estatuto de capitalidade.

Documentos relacionados



Compartir: