XUNTA DE GOBERNO

Adxudicadas as obras do novo campo de herba artificial de Conxo

07/08/2015 O secretario da Xunta de Goberno, Xan Duro, deu conta da adxudicación pola Xunta de Goberno das obras de reforma integral do campo de fútbol a carón do Psiquiátrico de Conxo, por importe de 246.000 euros máis IVE. Ademais da súa conversión en campo de herba artificial, tamén se adxudicou a remodelación das redes e servizos, neste caso por un prezo de 80.267,77 euros máis IVE. Este proxecto é financiado conxuntamente coa Deputación da Coruña.

Esta intervención permitirá a reforma do campo de fútbol do actual campo terra e a súa transformación en campo de céspede artificial. O terreo de xogo terá unhas dimensións de 63 x 103 metros, aos que se lle suman bandas de dous metros nos laterais e de 2,50 metros de fondo tras as porterías, co que a dimensión final do terreo será de 67 x 108 metros. No novo campo de herba artificial haberá tamén dúas canchas de fútbol 7 de 63 x 42 metros.

Pola súa parte, as obras de conexión exterior das redes e servizos do campo de fútbol de Conxo teñen como obxectivo independizar as redes das instalacións exteriores da área deportiva e axeitar as instalacións interiores á normativa de calidade, seguridade e salubridade. Crearase unha nova rede de saneamento, instalarase unha nova acometida para a rede eléctrica, adaptarase a instalación de auga quente e de electricidade e renovarase a iluminación dos vestiarios.

Ademais, substituirase integramente a iluminación exterior (torres e proxectores) do novo campo e cambiarase o peche perimetral do recinto, incluíndo unha rede para atrapar os balóns.

Renuncia a subvención
Na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno tamén interveu o concelleiro de Medio Rural e Equilibrio Territorial, Rafael Peña, quen explicou a renuncia a unha subvención de 77.763 euros concedida pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) para o acondicionamento de pistas nas parroquias de Barciela, Verdía e Conxo. A renuncia realízase a causa da demora na tramitación que debía facer o Concello, que unha vez concedida a subvención o 10 de abril, non iniciou o proceso de contratación.

Diante da mala xestión e da parálise de tres meses nos que o Concello non actuou, o concelleiro explicou que agora resultaría imposible cumprir co prazo de execución. De aí a decisión tomada, co obxectivo de evitar a sanción de 2 a 4 anos sen subvencións que podería impor Agader por este incumprimento. O concelleiro indicou que estas obras se afrontarán no próximo exercicio.

Axudas á promoción comercial
En materia de comercio, a Xunta de Goberno resolveu a convocatoria de subvencións á realización de actividades de promoción e dinamización comercial para o ano 2015, co seguinte reparto:

- Fundación Santiago Centro, 34.370,08 euros.
- Asociación Em-Rede, 3.448,47 euros.
- Esperta Conxo, 1.105,75 euros.
- CCA Compostela Monumental, 36.467,18 euros.

Documentos relacionados



Compartir: