XUNTA DE GOBERNO

O Concello solicita a declaración da área de rehabilitación integral de Vite

07/08/2015 A Xunta de Goberno acordou solicitar á Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) a declaración da área de rehabilitación integral (ARI) no barrio de Vite. O Concello tamén asume o compromiso de manter unha oficina municipal de rehabilitación con medios suficientes para a xestión e o impulso das actuacións de rehabilitación nese ámbito, así como realizar achegas municipais que se deriven das actuacións de rehabilitación e/ou urbanización.

A declaración como ARI do barrio de Vite permitirá realizar actuacións de mellora de accesibilidade semellantes ás que xa se veñen realizando nas outras ARI con que conta a cidade: Vista Alegre, Pontepedriña e Casco Histórico. A veciñanza poderá así acollerse ás axudas que para este fin se fixan cada ano no plan de vivenda.

As actuacións en Vite centraranse na mellora da accesibilidade e, polo tanto, na instalación de ascensores e ramplas, así como na adecuación estética exterior dos edificios. O ámbito afectado conta cun total de 1.231 vivendas, que delimitan un barrio socialmente homoxéneo, de vivendas de promoción pública construídas nos anos setenta.

Accesos á vía verde entre Bonaval e A Almáciga
Tamén no ámbito da Concellaría de Espazos Cidadáns, aprobáronse dous proxectos, por importe de 30.190,17 e 29.157,75 euros, respectivamente, para a mellora dos accesos á vía verde que conecta os parques de Bonaval e da Almáciga. Estes traballos completan as dúas fases xa realizadas noutros ámbitos e afectan aos accesos transversais á vía verde dende as rúas Betanzos e O Pino, polos laterais do CEIP Apóstolo Santiago.

Documentos relacionados



Compartir: