MEDIO AMBIENTE E CONVIVENCIA

Xan Duro: "A prioridade é ter unha depuradora e que supoña os menores custos para os cidadáns de Santiago"

06/08/2015 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, explicou que o Goberno municipal espera ter a finais deste mes de agosto toda a información que permita adoptar unha decisión definitiva sobre a futura estación depuradora de augas residuais (EDAR). En calquera caso, dixo, o que xa ten é a opinión, tanto de técnicos municipais como de empresas externas, que aseguran que a situación da EDAR no Souto vai supor un maior custo de mantemento.

Segundo explicou Xan Duro, a ubicación da depuradora no Souto implicaría una situación a unha cota máis alta, obrigando a bombear as augas residuais ata as instalacións. Este bombeo –explicou- obrigaría a un maior e continuo consumo eléctrico, o cal repercutiría na factura da auga que terían que pagar os veciños e veciñas de Compostela.

Estes maiores custos durante varias décadas non só serían de mantemento, senón tamén de obra, xa que o sistema de colectores en marcha para a conca do Sarela están pensados para a ubicación da Silvouta, polo que tamén se terá que realizar obra suplementaria para a adaptación á situación no Souto, indicou o edil.

Tamén sobre a ubicación da futura depuradora, o concelleiro asegurou "non entender" as discrepancias xurdidas no seu momento sobre a opción da Silvouta, posto que "a actual depuradora xa está alí e a que se ía facer estaba a carón desta pero sen os prexuízos desta". Neste sentido, dixo, "nós o que debemos pensar é no beneficio do conxunto da cidade".

Por todo isto, o Goberno municipal está estudando a situación dos dous deseños, xa que, "polo que nós sabemos, tanto o da Silvouta como o do Souto, teñen anteproxecto e estudo de impacto ambiental, e non se fixo nada máis", afirmou Duro. A decisión sobre esta materia non está tomada e o concelleiro apuntou que "a prioridade é ter unha depuradora e que supoña os menores custos para os cidadáns de Santiago".

En todo caso, asegurou que se adoptará unha decisión que "non supoña retrasos inasumibles para a cidade ou a perda de fondos", porque a nosa aposta é que "se garanta unha depuradora que Santiago necesita".

Compartir: