CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia participa en "Música en Compostela" cun novo concerto este venres no Auditorio de Galicia

06/08/2015 No marco da 58º edición do Curso Universitario Internacional de Música Española Música en Compostela, a Real Filharmonía de Galicia participa cun novo concerto este venres. Será ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia, baixo a batuta do director asociado da orquestra, o mestre compostelán Maximino Zumalave. Ademais, contarase coa colaboración do violista nacido en Sri Lanka e de nacionalidade británica Ashan Pillai.

O concerto comezará con La madrugada del panadero, do madrileño Rodolfo Halffter (1900-1987). É unha sucesión de cadros burlescos que o autor sitúa en Andalucía.

De seguido, a orquestra tocará Cantos de Ordesa, do compositor aragonés Antón García Abril (1933), inspirada na natureza do val oscense. Trátase dun concerto para viola e orquestra que será interpretado por Ashan Pillai, un dos principais violistas e pedagogos deste instrumento do sur de Europa.

Os éxitos precoces deste violista en numerosos concursos levárono a debutar con recitais aclamados pola crítica en Londres e Nova York. Ten actuado por todo o mundo e coas principais orquestras. A súa discografía inclúe a colección máis ampla de repertorio español para viola solista e viola e piano. Entre 1995 e o ano 2000 foi asistente de viola na English Chamber Orchestra e dende 2000 é solista da Orquestra Sinfónica de Barcelona e Nacional de Cataluña; ademais de profesor de viola na Escola Superior de Música de Cataluña, no Conservatorio do Liceu e profesor visitante da Universidade Alfonso X de Madrid. Toca cunha viola do luthier americano Gregg Alf construída en 1992.

Na segunda parte desta cita, os músicos achegarán ao público a obra Sortilegis, do compositor catalán Xavier Montsalvatge (1912-2002). A actuación concluirá con El amor brujo, de Manuel de Falla (1876-1946), a súa obra mestra, composta a raíz da súa amizade coa bailarina e cantaora Pastora Imperio.

Compartir: