CONVIVENCIA

A Policía Local realizará controis de alcoholemia e drogas do 10 ao 16 de agosto

06/08/2015 A Policía Local de Santiago adhírese a unha nova campaña da Dirección Xeral de Tráfico (DGT), desta vez á de control da taxa de alcohol e da presenza de drogas en condutores. Os controis realizaranse a vindeira semana, entre o 10 e o 16 de agosto.

O alcohol está presente como factor concorrente ou desencadeante nun terzo dos accidentes mortais. A súa presenza na condución, dependendo da súa taxa, multiplica entre 2 e 15 o risco de sufrir un accidente. Esta substancia non só está relacionada coa accidentalidade, senón que tamén repercute nunha maior mortalidade, ao ser un factor vinculado cun peor prognóstico nas lesións sufridas.

Segundo se indica dende a DGT, das análises toxicolóxicas realizadas en 2014 a condutores falecidos en accidente de circulación, un 39,09% presentaba unha taxa e alcohol etílico en sangue superior ao 0,3 g/l. O alcohol tamén supón un risco para os peóns, como o demostra o feito de que, dos peóns falecidos en accidente de circulación sometidos a análises, un 39,88% presentaba unha taxa alcohólica superior a 0,3 g/l.

A DGT apunta que o consumo de substancias psicoactivas alcanza o 17% dos condutores españois. Ademais do alcohol, case un 11% dos condutores utiliza o vehículo tras ter consumido algunha substancia (drogas de abuso) que pode afectar á súa capacidade para unha condución segura.

Na campaña realizada en xuño deste ano 2015, o 1,12% das probas de alcoholemia resultaron positivas, mentres que, no caso da detección de drogas, a taxa de positivos alcanzou o 31,50% das probas. O cannabis (THC) e a cocaína son as dúas substancias máis frecuentemente detectadas. Mesmo nun 2% dos controis se constatou o consumo simultáneo de substancias.

Os controis en vías urbanas resulta de especial importancia. Así, na campaña de xuño, a taxa de positivos foi dun 2% en vías urbanas, fronte ao 1,12% do total.

Relación directa coa mortalidade en estrada
Segundo datos do Observatorio Europeo para a Seguridade Viaria (ERSO), arredor do 25% de todas as mortes en estrada en Europa están relacionadas co alcohol, mentres que, aproximadamente, só o 1% do total de quilómetros percorridos son conducidos por persoas con 0,5 g/l de alcohol en sangue ou máis.

A medida que a concentración de alcohol no sangre (BAC) aumenta no condutor, a taxa de incidencia de accidentes tamén se incrementa. O aumento da taxa de incidencia de accidentes que se deriva dun incremento da taxa de alcoholemia é progresivo. En comparación cun condutor sobrio, a taxa de incidencia de accidente dun condutor cunha taxa de alcoholemia de 0,8 g/l (sendo este o límite legal en 3 dos 25 estados membros da UE; en España é 0,3 g/l), é 2,7 veces maior que a dun condutor sobrio. Cando un condutor ten unha taxa de alcoholemia de 1,5 g/l, a súa taxa de incidencia de accidente estímase que é 22 veces maior que a dun condutor sobrio.

Non só a taxa de incidencia de accidentes aumenta rapidamente co incremento da taxa de alcoholemia, senón que o accidente tamén se volve máis grave. Cunha taxa de alcoholemia de 1,5 g/l, a taxa de incidencia de accidentes de gravidade mortal é aproximadamente 200 veces maior que no caso de condutores que non inxeriron alcohol.

O consumo de alcohol tamén está directamente relacionado con boa parte das sancións e delitos en materia de tráfico. Dende a entrada en vigor da Lei do Permiso por Puntos, arredor do 12% dos infractores sancionados e do 14% dos puntos detraídos teñen a súa causa no feito de conducir cunha taxa de alcohol superior á establecida. Ademais, dous de cada tres delitos cometidos contra a seguridade viaria están relacionados co alcohol.

Dende a DGT quere concienciarse aos condutores de que, aínda que nos creamos en pleno uso das nosas facultades físicas e mentais, coa inxestión de alcohol estamos multiplicando o risco de sufrir un accidente. Así, e aínda con taxas inferiores ás marxes permitidas, o noso nivel de risco de accidente sube. A única taxa segura é 0,0%.

Compartir: