ESPAZOS CIDADÁNS E MEDIO AMBIENTE

Novas hortas urbanas para unha rúa Caramoniña agora máis accesible e mellor conectada co seu ámbito

05/08/2015 Os concelleiros de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, e de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, visitaron as obras de reurbanización da rúa da Caramoniña e do espazo libre anexo. Os traballos, incluídos no programa Urbana Santiago Norte, supuxeron un investimento de 258.419 euros e permitiron mellorar a accesibilidade do barrio da Almáciga na súa vertente sur, e dicir, da súa conexión cos barrios Iimítrofes de San Pedro e de San Roque. Ademais, suprimíronse barreiras arquitectónicas, mellorouse a mobilidade e recuperouse o valor ambiental da zona creando novas hortas urbanas.

A intervención incluíu recuperación para o uso cidadán do espazo libre anexo á rúa da Caramoniña e ao parque de Bonaval. Optouse pola solución de dedicar este espazo verde á creación de novas hortas urbanas, recuperando o uso que tiveran xa no pasado. Nunha superficie aproximada de 2.000 metros cadrados, habilitáronse unhas 50 hortas de entre 30 e 50 metros cadrados cada unha.

Unha vez acondicionadas e listas para o seu uso, adxudicaranse as hortas en setembro mediante unha convocatoria similar á que se ten realizado para as hortas de Belvís ou de Fontiñas. Tal como indicou Xan Duro, neste concurso público terán preferencia xubilados e veciñanza da zona.

Despois das de Belvís, Fontiñas e Caramoniña, as seguintes hortas urbanas en poñerse en marcha serán as da Almáciga, a carón do CEIP Apóstolo Santiago. De feito, segundo anunciou Jorge Duarte, unha parte das parcelas reservarase para uso educativo do colexio. Está previsto tamén dotar de hortas urbanas unha superficie en Pontepedriña.

Redución de desniveis
As obras de reurbanización, sobre unha superficie total de 2.700 metros cadrados, tiñan tamén como un dos seus obxectivos restrinxir a circulación de vehículos e evitar o estacionamento marxinal existente, garantindo así o tráfico peonil e a accesibilidade. Por iso, colocouse un pavimento de formigón lavado na parte da calzada máis deteriorada, que permite o tránsito puntual de vehículos e unha integración axeitada co pavimento da rúa Valle Inclán e co canto rodado do resto da propia rúa Caramoniña

Outro dos retos da intervención foi suavizar os desniveis existentes. Rebaixáronse pendentes, propiciando un acceso máis cómodo cara a parte norte. Así, creáronse dous tipos de percorridos: un máis rápido e con pendente máis pronunciada a carón das edificacións e outro máis suave e lento cara o fondo.

Sen modificar o muro de pedra existente, gañouse en accesibilidade e conectividade de todo o ámbito, garantindo o tránsito peonil e mellorando acceso ás vivendas.

Para unha posterior intervención, Jorge Duarte citou a recuperación das edificacións existentes a carón do espazo verde agora habilitado, outorgándolles un uso dotacional público. Nunha primeira fase, o obxectivo municipal é garantir a seguridade destas edificacións.

Compartir: