XUNTA DE GOBERNO

O Concello concede a licenza para a ampliación do CEIP de Roxos

31/07/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, deu conta dos asuntos tratados na Xunta de Goberno, como a concesión da licenza para as obras de ampliación do CEIP de Roxos. Ademais, aprobáronse as bases das subvencións para as asociacións veciñais e para o deporte federado.

As obras permitirán a ampliación do centro escolar con tres novas aulas de infantil, unha de psicomotricidade, un espazo para apoio educativo, aseos, despachos, conserxería e zonas comúns. O Concello puxo a disposición da Consellería unha parcela para esta actuación.

Tamén en materia educativa e como urxencia, deuse conta da sinatura do convenio entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Concello para a xestión do servizo de comedor escolar en nove centros de ensino público do Concello de Santiago para os curso escolares 2015-16 e 2016-17. A Xunta achegará 106.800 euros, divididos nas seguintes anualidades: 16.500 euros en 2015, 53.400 euros en 2016 e 36.900 euros en 2017.

Subvencións para asociacións veciñais
A Xunta de Goberno aprobou tamén as bases reguladoras subvencións destinadas ás asociacións veciñais sen ánimo de lucro de Santiago de Compostela para o desenvolvemento de programas e actividades de interese xeral durante o exercicio 2015. Dedícase unha contía global de 64.800 euros a esta convocatoria, cuxo prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais, a contar dende a publicación das bases no BOP.

Axudas ao deporte federado
Outra convocatoria ratificada foi a de axudas ao deporte federado, cunha contía global de 230.000 euros. O obxectivo desta convocatoria é colaborar cos colectivos de base no financiamento dos gastos derivados da súa participación nas competicións deportivas oficiais.

Seguindo co deporte, aprobáronse os convenios polos que o Concello achega subvencións nominativas a seis clubs da cidade, por un importe global de 230.000 euros para este exercicio 2015, repartido do seguinte xeito: 55.000 euros para o Obradoiro Club de Amigos de Baloncesto SAD, 12.000 euros para o Club Triatlón Santiago, 12.000 euros para o Club Arteal Tenis de Mesa, 6.000 euros para a Sociedade Deportiva Villestro, 90.000 euros para o Santiago Futsal e 55.000 euros para a Sociedade Deportiva Compostela.

Autoemprego, novas empresas e mellora de locais
No ámbito da Concellaría de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, deuse o visto bo a cinco convocatorias. A primeira é a denominada "Compostela Móvese 2015", cun orzamento global de 100.000 euros, destinada ao fomento da creación e desenvolvemento de empresas e/ou proxectos de autoemprego. O prazo de presentación de solicitudes iniciarase ao día seguinte da publicación da convocatoria no BOP e rematará o 11 de setembro.

Xa no ámbito do programa Urbana Santiago Norte, aprobáronse as bases de catro convocatorias. Dúas delas teñen por obxecto fomentar a creación de novas empresas na Zona Urbana Santiago Norte, así como a desenvolvemento de novas liñas de negocio polas empresas xa existentes. Destínanse 50.000 euros á convocatoria xeral e o mesmo importe á liña específica de comercio de proximidade.

As outras dúas bases regulan as axudas para a reforma de locais de negocio e a incorporación de maquinaria e equipos para a posta en funcionamento de novas liñas de negocio e/ou ferramentas de xestión empresarial. A liña xeral conta cun orzamento de 40.000 euros e, a liña específica de comercio de proximidade, con 20.000 euros.

Subvencións a 12 entidades sociais
En materia de políticas sociais, aprobáronse os convenios a subscribir con 12 entidades sociais da cidade, por un importe total de 331.600 euros. Os acordos e as cantidades achegadas son os seguintes: Agadea, 3.000 euros; Asociación Galega de Lupus (AGAL), 2.000 euros; Centro Cultural Social Xoán XXIII, 75.000 euros; Asociación ASPAS, 4.600 euros; Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM), 3.000 euros; Fundación Secretariado Xitano, 20.000 euros; Cáritas (Programa de Atención Primaria), 100.000 euros; Asociación Banco de Alimentos Rías Altas, 15.000 euros; Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home, 62.000 euros; Escola de Tempo Libre Don Bosco, 3.000 euros; Colexio de Avogados de Santiago, 4.000 euros; e Cáritas-Programa Vagalume, 40.000 euros.

Mantemento do túnel do Hórreo
Finalmente, a Xunta de Goberno adxudicou definitivamente o servizo de conservación e mantemento das instalacións do sistema de control de tráfico e do túnel do Hórreo, por importe de 432.852,82 euros máis IVE e por un período de dous anos.

Documentos relacionados



Compartir: