ALCALDÍA

O Goberno municipal aposta por un cambio nas políticas de vivenda que promova o aluguer e a inclusión social

29/07/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, mantivo un encontro co experto en políticas urbanas de Chicago, Roberto Requejo. Estivo acompañado polos concelleiros de Desenvolvemento Económico, Marta Lois, e de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte.

Segundo explicou tras a xuntanza a concelleira Marta Lois, o encontro serviu para "falar de problemas comúns con escalas diferentes". Neste sentido, indicou que a experiencia de Roberto Requejo en Estados Unidos en temas vinculados co desenvolvemento comunitario, coa vivenda social e coa diversidade e a exclusión en Chicago, é útil para o Goberno local no marco do "noso compromiso co social, coa vivenda e coa necesidade de construír un relato de cidade onde estes temas sexan os piares do cambio político".

Na reunión falouse de temas como os desafiuzamentos, a exclusión e o acceso asequible a unha vivenda. Ao respecto, Requejo atopa problemas comúns malia a distinta dimensión das cidades, como a falta de comunicación e de implicación da Administración na comunidade. Así, puxo como exemplo común o "medo" da xente, que se ve intimidada polo poder político e os tribunais. Por este motivo, considera fundamental o asesoramento neste eido.

Outra das cuestións tratadas foron as políticas de vivenda e, en particular, puxéronse en común experiencias en materia de vivenda de aluguer. En palabras de Jorge Duarte, "temos moi claro que hai que cambiar as políticas de vivenda", polo que se falou, por exemplo, sobre "fórmulas que a través dun Concello coma o noso se poden establecer para facer promocións de vivenda de aluguer e políticas de vivenda dirixidas á maioría da poboación".

Ao respecto deste tema, compararon o cheque vivenda de Chicago coa bolsa de aluguer posta en marcha hai uns anos en Galicia. O concelleiro de Espazos Cidadáns lamentou a falta de fondos tanto da Xunta como do Estado para estas políticas de aluguer e a dificultade que isto supón para unha actuación municipal neste campo. En calquera caso, citou como obxectivo máis próximo a creación dunha oficina de alugueiro e o exercicio dun labor de intermediación e, xa a máis medio prazo, o impulso de políticas de "nova edificación en aluguer que permitan acceder á vivenda ás persoas con máis dificultades".

Reunión do alcalde co presidente da Xunta
Tras o encontro e a preguntas do xornalistas, o alcalde reiterou as súas "sensacións positivas" tras a reunión mantida onte co presidente da Xunta. Indicou que foi un "diálogo cordial e fluído" que serviu para "xerar dinámicas que, no fondo, a quen benefician é aos veciños e veciñas da cidade.

Segundo Martiño Noriega, "quedou claro que as administracións non poden ser armas arrevoladizas da disputa política e que teñen que estar ao servizo dos veciños e veciñas, e iso non quita que ás veces teñamos posicións políticas distintas, pero temos que diferencialo". Así, cre que "na cidade non se entende algo que non sexa unha vía de diálogo e consenso entre Xunta e Concello, a diferencia doutras dinámicas que se poden dar noutras cidades, onde se xeran tensións con reivindicacións localistas".

O rexedor municipal valorou "os compromisos de aportación das ferramentas de capitalidade e a posibilidade de que poidan aumentar" e tamén percibiu "a posición comprometida co tema da intermodal". Agarda que a Xunta "poida intermediar" nun tema que "é de interese común e que afecta a todas as Administracións".

No que non houbo punto de encontro foi no relativo ao traslado do 061, xa que a Xunta defende o investimento realizado na Estrada. "Nós entendemos que segue sen haber razóns obxectivas para ese traslado, porque xa hai unha central equipada, hai unha alta satisfacción dos usuarios coa posición dese servizo e hai unha centralidade que afecta a máis de 300 familias; e incluso para os labores de formación do 061 e outro tipo de cuestións, as vías de comunicación con Compostela son mellores que as que hai coa Estrada", explicou Noriega sobre a posición municipal.

Compartir: