FESTAS

Cinco bandas galegas na Quintana como anticipo ao peche das festas do Apóstolo 2015

29/07/2015 A xornada deste xoves 30, previa ao peche das festas do Apóstolo, será unha desas noites para lembrar en Compostela, xa que se xuntarán na praza da Quintana cinco bandas galegas de consolidada traxectoria e moi variada proposta estilística. O concerto, de entrada libre, comezará ás 22:00 horas e nel poderemos escoitar os composteláns Los Chavales e Ataque Escampe; os vigueses The Soul Jacket, os lucenses/coruñeses Guerrera e o proxecto A Derradeira Noite na Terra, que conforman membros de Malandrómeda, Dios Ke Te Crew e Sumrrá.

A xornada comezará cos ritmos sesenteiros de Los Chavales, reputada banda compostelá que reivindica a música yeyé e aposta pola recuperación dos éxitos de bandas como Los Brincos, Los Bravos ou Los Salvajes. O baile está garantido e non será Ataque Escampe quen o pare, outra formación santiaguesa que, tras catorce anos, sete discos e varios temas que xa son himnos xeracionais, está vivindo o seu mellor momento nos escenarios.

Os vigueses The Soul Jacket, outra peza histórica do rock galaico, serán os terceiros convidados da noite e, seguidos polos lucenses/coruñeses Guerrera, levarán ás cotas máis altas o rock de guitarras no evento.

O proxecto A Derradeira Noite na Terra, creado para a ocasión por membros de Malandrómeda, Luis Legido (Sumrrá) e Sokram (Dios Ke Te Crew), poñerán o peche a esta noite histórica cos seus ritmos tropicais e kraut. A Derradeira Noite na Terra é o nome dun momento único que se vivirá na Quintana e que xuntará no escenario a uns vellos amigos: unha recua de rapeiros, uns de Malandrómeda, outros dos Dios Ke Te Crew, que falan do propio e do máis alá e marcando ou quebrando o ritmo un home que quita meigallos cos tambores: o mestre L.A.R Legido, de Sumrrá. Daranlle unha reviravolta ás cancións que máis rabia lle dan do seu repertorio e meteranas densa roda de facer bailar con pasos simples e repetitivos para goce dos presentes.

Direccións relacionadas



Compartir: