XUNTA DE GOBERNO

Iníciase o procedemento para paralizar o derrubo da Casa da Xuventude

24/07/2015 O secretario da Xunta de Goberno Local, Xan Duro, deu conta dos asuntos tratados na sesión ordinaria deste órgano, no que acordou paralizar os procedementos dirixidos ao derrubo da Casa da Xuventude.

Lembrou o concelleiro que este proxecto foi recorrido xudicialmente por unha plataforma cidadá e que o xulgado contencioso decretou como medida cautelar a suspensión da demolición mentres dure o proceso. O Goberno local considera que as razóns contra este derrubo, tanto dende o punto de vista substantivo (posible vulneración das disposicións do Plan Especial e da lexislación de protección do patrimonio, entre outras), como de procedemento, aconsellan a paralización do procedemento de derrubo, desistir del e revisar as alternativas para tomar a mellor decisión.

Iníciase deste xeito o procedemento para desistir do contrato de derrubo, e con toda transparencia e garantindo a participación e o diálogo, e poñémonos a traballar para buscar o mellor proxecto para o interese público da cidade, dende o punto de vista arquitectónico e para garantir a plena conectividade da cidade histórica co parque de Belvís e a recuperación para o uso público do edificio da Casa da Xuventude.

Mantemento dos campos de fútbol
En materia de Deportes, abriuse o procedemento para adxudicar o servizo de mantemento e conservación dos campos de fútbol municipais. O concurso aberto conta cun tipo de licitación de 140.124,09 euros máis IVE.

Prórroga do servizo de recollida de animais
Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi a prórroga do contrato do servizo de intervención e recollida de animais abandonados, perdidos, domésticos ou salvaxes. A prórroga é polo prazo dun ano, a contar dende o 8 de agosto, por un importe de 44.757,81 euros.

Incendio
Na súa condición de concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro informou tamén do incendio acontecido este xoves nos lugares de Portela, Brins e Sura, este último xa no municipio de Ames. Indicou que arderon unhas 60 hectáreas e que o operativo municipal que participou na extinción estivo composto por unha nodriza dos Bombeiros, catro dotacións da Policía Local e dúas máis de Protección Civil.

Como consecuencia do fume mesmo tivo que desaloxarse unha vivenda en Portela. Sobre as 01:30 horas, técnicos do servizo de extinción da Xunta deron o incendio por controlado. Posteriormente, sobre as 06:00, deron o incendio por sufocado. Durante toda a noite varios vehículos motobomba estiveron enfreando os límites do incendio.

Documentos relacionados



Compartir: