ALCALDÍA

Aberto o prazo de inscrición no obradoiro de creación literaria "Literatela"

23/07/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, presentou o obradoiro de creación literaria Literatela (Literatura de Compostela). Na rolda tamén estiveron o escritor Suso de Toro, que imparte o curso, e a secretaria da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Mercedes Queixas, entidade que organiza a actividade xunto co Concello.

Para Noriega, este obradoiro é un punto de partida dunha nova etapa de relación coa Asociación de Escritores en Lingua Galega, co fin de "aproveitar o seu potencial para dinamizar o idioma, a cultura e a literatura galega". Recolleu o guante Mercedes Queixas, quen destacou o enfoque comunicativo e activo destes cursos, cos que se anima os participantes a "perder o medo a escribir".

Este obradoiro desenvolverase ao longo de dez sesións, de dúas horas cada unha, os días, os sábados 26 de setembro; 3, 10, 17 e 24 de outubro; 7, 14, 21 e 28 de novembro; e 12 de decembro. O curso desenvolverase no Centro Sociocultural da Trisca en horario de 11:30 a 13:30 horas.

O escritor Suso de Toro será o encargado de impartir este obradoiro, no que formará os participantes sobre técnicas narrativas, delimitación do campo da poesía e da ficción narrativa, construción do/a autor/a e redacción de textos. Tamén participará como escritor convidado Pedro Feijóo.

Segundo explicou o propio Suso de Toro, os participantes no curso van "amasar as palabras", co obxectivo de "transformar a imaxinación en creación literaria". Se ben o obradoiro se centrará na ficción, tamén haberá un achegamento á poesía e, se hai tempo, a outras formas de creación literaria como a escritura para teatro, o guión ou as cancións.

Preinscrición, admisión e matrícula
O obradoiro, destinado a un público adulto, ten ata 25 prazas dispoñiibles. Os interesados poden xa realizar a súa preinscrición enviando un correo electrónico ao Departamento de Lingua Galega do Concello (dlg@santiagodecompostela.gal), indicando o nome completo, o número de identidade e un teléfono de contacto. Teñen de prazo ata o 12 de agosto (incluído).

Rematado o prazo de preinscrición, elaborarase unha listaxe por orde de entrada das solicitudes, que se comunicará a todas as persoas inscritas para que aquelas que obtiveran a praza (as 25 primeiras) formalicen a matrícula. En caso de que non o fagan dentro do prazo sinalado, avisarase por orde ás persoas que quedaran na listaxe de agarda para que a formalicen.

A matrícula formalizarase entre o 1 e o 15 de setembro. A folla de pagamento deberá recollerse no Centro Sociocultural das Fontiñas e volver entregala dentro deste prazo unha vez realizado o pagamento nunha entidade bancaria. O prezo do obradoiro é de 34 euros.

Compartir: