ALCALDÍA

Concello e TSXG colaborarán na busca de protocolos que permitan detectar antes os casos de desafiuzamento

22/07/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, reuniuse na Coruña co presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas, co que falou sobre desafiuzamentos. A vontade municipal é a de buscar fórmulas de colaboración que permitan detectar con maior precocidade estes casos, non nos seus estados finais, de xeito que os servizos sociais poidan actuar antes e con máis eficacia.

Segundo indicou Noriega, "moitas veces, os casos de desafiuzamentos chegan á Administración local cando están xa moi avanzados", co que os servizos sociais teñen que "operar con feitos xa consumados". Fronte a isto, dixo, é necesario "buscar canles de colaboración que permitan ao Concello e aos seus servizos sociais detectar estes casos nos seus estadios máis precoces".

O alcalde atopou moi boa disposición no presidente do TSXG para tratar esta cuestión e vanse articular xuntanzas con outros estamentos do poder xudicial para avanzar ao respecto. O TSXG xa ten asinado un convenio marco coa FEGAMP sobre esta materia dos desafiuzamentos pero, segundo explicou Noriega, non se está aínda executando e, se ben contempla medidas habitacionais, estas refírense a desafiuzamentos consumados.

"O que buscamos son uns protocolos que permitan aos servizos sociais ter a información con antelación", indicou o rexedor municipal. Anunciou ademais que dende a Concellaría de Políticas Sociais se está traballando na formación dunha mesa de traballo na que participen todos os axentes da cidade implicados nesta problemática.

Reunión co presidente da Xunta
A preguntas dos xornalistas sobre a súa reunión co presidente da Xunta, prevista para a vindeira semana, indicou que na mesma pretende falar sobre cuestións coma o financiamento da Universidade, o traslado do 061 ou o Estatuto da Capitalidade. Ao respecto deste asunto, defendeu a necesidade de "frear a diminución de fondos que se ten producido nos últimos anos, ao igual que no caso do Consorcio".

Tamén abordará con Alberto Núñez Feijóo a cuestión da estación intermodal, da que a Xunta é actor fundamental, ao ter encomendada a construción da futura estación de autobuses. O alcalde reiterou a súa posición de "esixir garantías de que a actuación prevista polo Adif non hipoteque o horizonte da intermodal". Demanda que este tema "non se peche en falso" e sen solucións para a conectividade peonil e para o traslado da estación de autobuses.

Sen estar en contra das actuacións en trámite para solucionar a cuestión ferroviaria, explicou, "queremos que se nos sinale un horizonte final" que garanta que Santiago de Compostela contará cunha estación intermodal. Cre que hai tempo para que estas garantías se ofrezan antes de adxudicar a intervención prevista e reiterou a aposta pola "filosofía do proxecto de Herreros" en canto á mobilidade e á intermodalidade.

Compartir: