FESTAS

Imelda May e o peche da programación de Artellando coa Romaría Cativa de Bonaval, na xornada do xoves das festas do Apóstolo

22/07/2015 Artellando pon punto e final á súa programación este xoves pola tarde con Mamá Cabra, María Fumaça, danza, circo, obradoiros e xogos infantís na Romaría Cativa de Bonaval que se celebra de 16:00 a 21:00 horas. Na xornada deste xoves teremos tamén Artellando nos barrios e nos recunchos pola mañá e á noitiña; concerto da Banda Municipal xunto a Cantigas e Agarimos en Praterías ás 20:00 h e pechamos o día con Imelda May e Rockin’ Corsarios ás 21:00 h na praza da Quintana. Todas as actividades teñen entrada libre.

A Banda Municipal e Cantigas e Agarimos é o nome do segundo concerto que a Banda presenta dentro das Festas do Apóstolo tras o Coros antolóxicos de zarzuela que ofreceu o pasado domingo xunto ao Coro Liceo de Vilagarcía. Nesta ocasión, e dirixidos por Juan Miguel Romero LLopis, ofrecen un programa con obras de B. Del Río, M. De Santiago, Mato Hermida, Bello Mallou, A. Alcalde, Carracedo e Rey Pose. Estarán acompañados polo coro, grupo de gaitas e de baile de Cantigas e Agarimos, dirixidos por Xaquín Xesteira, Ramón Maril e Pedro Brañas, respectivamente.

Cantigas e Agarimos fundouse no ano 1921 en Santiago de Compostela, o que a converte nunha das agrupacións máis antigas dedicada á recuperación, conservación e transmisión da cultura tradicional galega. Nos seus inicios, na agrupación tiñan coro e grupo de teatro e, a primeiros dos anos 70, comezou a funcionar o grupo de baile. A través das súas seccións actuais de coro, grupo instrumental, grupo de baile e pandeireteiras, e máis antigamente grupo teatral, acadaron numerosos premios e referencias varias dos historiadores da nosa cultura. Teñen percorrido innumerables festivais e certames de todo o mundo recibindo diversos premios e colaborando con algúns dos máis importantes grupos da música galega.

Imelda May e Rockin’ Corsarios
O rock and roll e o rockabilly xenuíno de Imelda May serán protagonistas nesta xornada de xoves. A partir das 21:00 h na praza da Quintana, abrirán a noite Rockin’Corsarios, e ás 22:00 h Imelda May dará o que é o seu primeiro concerto en Galicia. Irlandesa, comezou a súa carreira musical aos 16 anos tocando con varias bandas locais antes de formar a súa propia no 2002. Publica o seu álbum debut, No turning back, un ano despois. O pasado ano, 2014, publicou xa o seu terceiro traballo, Tribal, que é o que nos presentará en Compostela.

Recoñecida polo seu gran talento vocal, non é o único, xa que tamén toca diversos instrumentos coma o bodhrán, o baixo, a guitarra e a pandeireta. O seu estilo musical é un renacemento do rockabilly e fíxolle recoller xa diversos premios, coma o de Mellor Artista Feminina de Irlanda no 2009.

Artellando
Os concertos de Mamá Cabra e María Fumaça, circo a cargo da Compañía Duelirium, danza coa Compañía Traspediante, obradoiros de percusión con Trópico de Grelos, obradoiros de manualidades con Babaluva, espazo de xogos populares e xogo libre e algunha que outra sorpresiña máis protagonizarán o xoves pola tarde a Romaría Cativa de Bonaval. O festival infantil, que comezará nos arcos de Bonaval a partir das 16:00 horas e se prolongará ata as 21:00 horas, será o prato forte da programación Artellando da xornada.

Coa Romaría Cativa e co resto de programación prevista para o día, Artellando poñerá este xoves o punto e final á súa programación, despois de seis días de espectáculos polos barrios da cidade e do rural de Santiago, nos que participaron máis de 130 artistas.

Ademais da Romaría Cativa pola tarde, Artellando tamén terá este xoves, en horario de mañá, programación. Ás 12:30 horas, Larraitz Urruzola estará no Centro Sociocultural Brañas de Andrés con Babamor; e a esa mesma hora, pero no Local Sociocultural de Amio, terá lugar unha nova contada de Brais das Hortas.

Xa pola tardiña, ás 21:30 horas, nas escaleiras do Museo do Pobo Galego, a compañía Vueltos de Rosca presentará Totum revolutum, un espectáculo de circo.

Direccións relacionadas



Compartir: