FESTAS

Festa do Escalo en Chaián, concerto da Banda Municipal e varias propostas de Artellando na xornada do domingo das festas do Apóstolo

18/07/2015 A primeira xornada dominical das festas do Apóstolo 2015 estará protagonizada pola Festa do Escalo en Chaián, na que se celebrará o XLI Concurso de Ciprínidos, unha tradición xa arraigada nestas datas. Ademais, teremos concerto da Banda Municipal de Música acompañada do Coro Liceo de Vilagarcía e, dentro do Artellando, sesión vermú con Murga Chef Herrera y sus muchachos, un concerto performance con Viriscrón e a actuación de Fado Violado.

A Festa do Escalo de Chaián chega en 2015 á súa edición número 41, e inclúe o xa tradicional Concurso de Pesca de Ciprínidos, así como unha concorrida festa gastronómica e posterior baile. No Concurso de Ciprínidos, familia á que pertence o escalo, hai competición nas categorías infantil, xuvenil, damas, sénior e por equipos. Os pescadores concéntranse ás 8:00 horas no Bar Nieto, para saír ao río ás 9:00 horas e retirarse ás 13:30 horas. Logo do pesado das capturas, celebrarase o acto de entrega de premios en torno ás 14:45 horas. Ao concurso séguelle a tradicional romaría. Logo da comida, momento para a verbena, dende as 18:00 ata as 22:00 horas. Ademais, poderase degustar polbo e haberá inchables para os máis pequenos.

Banda Municipal e Coro Liceo de Vilagarcía
A Banda Municipal de Música ofrece un concerto nesta xornada de domingo a partir das 20:00 horas na praza da Quintana. Tocará o programa Coros antolóxicos de zarzuela acompañada do Coro Liceo de Vilagarcía e con entrada libre. Este coro fundouse no ano 1981 e nestes case 35 anos de existencia recorreu practicamente toda Galicia e numerosas cidades de España e Portugal. Conta no seu arquivo con máis de 500 obras de música galega, coros de ópera e zarzuela, folclore do mundo e música culta. Acompañou a numerosas orquestras e ten gravados catro discos.

Artellando
A programación de Artellando. As Festas en Movemento do Apóstolo 2015 continúa este domingo 19 de xullo con varios espectáculos ao mediodía, pola tarde e pola noite. Despois da primeira sesión vermú protagonizada este sábado nas rúas da zona vella de Santiago por A Magnifique Bande dos Homes sen Medo, na xornada do domingo serán os músicos da Murga Chef Herrera y sus Muchachos os que amenizarán o mediodía paseando cos seus instrumentos pola rúa Nova, a rúa do Vilar e a rúa do Franco.

Xa pola tarde, o Artellando nos recunchos protagonizarao Viriscrón, a compañía poético-teatro-musical integrada polo actor Ricardo de Barreiro e Guillerme Fernández. Presentarán na praza Salvador Parga a montaxe Sobre o desamor a partir das 21:30 horas, unha proposta, en palabras deles, para "cicatrizar as feridas do mundo que nos toca vivir, para polinizarnos emocionalmente unhas persoas coas outras e sentirnos máis comprendidas, máis fortes. Non é recital. Non é teatro, Non é concerto. Pero ten aromas das tres cousas. Simplemente é un xoguete...".

Pola súa banda, o Artellando na noite correrá a cargo do dúo portugués Fado Violado. Na praza do Toural, a partir das 23:00 horas, Ana Pinhal (voz) e Francisco Almeida (guitarra española) ofrecerán a súa innovadora mestura de sons e ritmos a cabo entre o fado e o flamenco.

Direccións relacionadas



Compartir: