FESTAS

O pregón da futbolista compostelá Verónica Boquete abre as festas do Apóstolo máis diversas, descentralizadas e abertas

16/07/2015 As festas do Apóstolo arrancarán mañá venres co pregón desnde os balcóns do pazo de Raxoi a cargo da futbolista santiaguesa Verónica Boquete. Considerada unha das mellores xogadoras do fútbol do mundo, Boquete dará o pistoletazo de saída a 15 días de actividades, todas de balde, que compoñen un programa marcado por tres eixes: a diversidade, a descentralización e a apertura.

Tras o pregón, ás 23:00 h, teremos concerto na propia praza do Obradoiro con Jonh Nemeth & The Blue Dreamers e a Fundación Tony Manero. Recentemente galardoado como Mellor Artista de Soul Blues nos Blues Music Awards, John Németh protagoniza este primeiro concerto das Festas do Apóstolo 2015, no que tamén a Fundación Toni Manero presentará o seu novo disco, deste 2015, Superficial.

Verónica Boquete
Verónica Boquete naceu en Compostela no 1987 e na actualidade está considerada unha das mellores xogadoras de fútbol feminino do mundo. Vén de gañar no pasado mes de maio a UEFA Champions League co FCC Frankfurt e esta mesma semana anunciouse que está nomeada, por terceiro ano, á Mellor Xogadora de Europa 2014/2015. Vive o seu mellor momento profesional e recolle homenaxes fóra e tamén dentro da súa terra, xa que hai uns días recibía a Medalla Castelao da Xunta de Galicia.

Boquete foi campioa europea coa selección española sub-19 en 2004 e gañou varias Copas da Reina e subcampionatos da Superliga co RCD Espanyol do 2009 ao 2011. Despois estivo nos Estados Unidos, onde se proclamou campioa USL W-League no 2010 con Buffalo Flash e subcampioa WPS co Philadelphia Independence no 2011. No 2013, e xa no Tyresö FF acadou o subcampionato da Copa Sueca e o campionato da Liga Sueca. No 2013 coa Selección española chegou aos cuartos de final da UEFA e no 2014 quedou subcampioa da mesma competición co Tyressö. Por fin, como diciamos, foi neste 2015 no que conseguiu chegar a campioa da UEFA Champions League xa nas filas do Frankfurt.

A nivel persoal son moitos tamén os premios acadados. No 2010 e 2011 foi a máxima goleadora da Superliga e os mesmos anos levou o premio a Mellor xogadora (MPV) dos campionatos nos que participaron os seus equipos. No 2012 foi nomeada Mellor Mediocentro en Suecia e Mellor Deportista Galega. No 2013 os premios foron Mellor deportista compostelá e UEFA Team Euro-2014 e no 2014 estivo nomeada a Balón de Ouro. Ademais, estivo nomeada nos últimos tres anos a mellor xogadora de Europa.

John Németh
Para moitos unha das mellores voces de soul blues do mundo e un verdadeiro virtuoso da harmónica, John Németh e fillo de inmigrantes húngaros cun sobranceiro talento natural que creceu en Boise, Idaho. A súa carreira profesional comeza no 2000 xirando con Junior Watson e en 2004 publica o seu debut discográfico en solitario, Come and get it. Trasládase a California e asina un contrato con Blind Pig Records para editar tres novos discos. O Philadephia Inquirer foi o primeiro medio que incluíu a John Németh nunha lista de novos talentos do soul, xunto a nomes como James Hunter, Eli "Paperboy" Reed e Sharon Jones. En 2013 trasládase a un dos berces do soul e do blues, Memphis, e ficha por Blue Corn Music, selo de American Roots que publica Memphis Grease, o sétimo álbum de John Németh, que con seguridade é un dos mellores discos deste xénero no que levamos de século.

Fundación Tony Manero
Eles foron os culpables de revitalizar a escena funk e disco a finais dos 90, chegando mesmo a colocar varios éxitos no Top 10, e prestixiando a música disco en castelán como nunca antes se fixera en España. A banda regresa coa súa estrutura orixinal, 10 músicos en escena, profusión de arranxos, sección de ventos, unha potente e unha coidada até o último detalle presentación en directo.

O novo disco da Fundación Tony Manero en 2015 chámase Superficial, e é unha reivindicación da festa e a música como valores indispensables do ser humano, sen máis pretensións que facer bailar. Este traballo leva de novo aos Manero ao son disco dos 80, ao electro-funk, repleto de sintetizadores acedos, pianos dixitais, caixas de ritmos, riffs de ventos secos e cortantes, mantendo o seu toque persoal. Miguelito e Paquito Sex Machine seguen sendo os cantantes á fronte da banda, imbatibles en calquera escenario.

Direccións relacionadas



Compartir: