ALCALDÍA

Martiño Noriega confirma a súa ausencia na Ofrenda ao Apóstolo e a aposta por "diferenciar o espazo civil do relixioso"

16/07/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, confirmou que non estará presente no acto relixioso da Ofrenda ao Apóstolo Santiago. Si que tomará parte, como máxima representación institucional do Concello, no acto previo de recibimento ás autoridades na praza do Obradoiro e na recepción no Pazo de Raxoi posterior á cerimonia relixiosa.

Martiño Noriega comunicoulle a decisión aos voceiros municipais, ao igual que a do Grupo de Goberno de non participar en ningún destes actos con motivo da Ofrenda ao Apóstolo. O alcalde expresou o seu "absoluto respecto" a quen decida participar na Ofrenda, pero reiterou a convicción en "diferenciar o espazo civil do relixioso".

Seguindo cos actos das Festas do Apóstolo, o rexedor deu conta dalgúns cambios protocolarios en relación coa noite dos Fogos do Apóstolo. Así, a configuración do espectáculo, con proxeccións no Pazo de Raxoi, obrigará a que os habituais convidados institucionais presencien a sesión dende a propia praza do Obradoiro, nun espazo habilitado a carón do Hostal dos Reis Católicos.

Indicou igualmente que a relación de preto de 400 convidados doutros anos se reducirá a uns 200. Nesta listaxe incluiranse os preto de 80 convidados fixados polo Real Decreto de Precedencias e os membros da Corporación, os cales poden levar un acompañante. Unha vez se coñezan as confirmacións de asistencia, de haber vacantes, abriríase a posibilidade, a través da web municipal, a que a veciñanza poida acceder a este espazo reservado. Esta opción tamén se abriría para presenciar dende Raxoi os fogos do 31 de xullo.

Pregón
O alcalde enmarcou estas posibilidades na filosofía do Goberno municipal de abrir o Concello e os seus eventos institucionais á cidadanía. Tamén responderá a esta vontade a presenza de varios equipos de base no Concello con motivo do pregón de inicio das festas de mañá venres, que pronunciará a futbolista compostelá Verónica Boquete.

Da pregoeira, Noriega destacou a estreita vinculación coa súa cidade e a súa admirada traxectoria deportiva. Ademais, vencello a súa elección á unha "reivindicación de xénero asociada ao deporte de alta competición".

Compartir: