ACCIÓN CULTURAL

La Bellemont e Ímpetus Conjunto Barroco de Madrid, próximas propostas do Via Stellae

10/07/2015 La Bellemont e Ímpetus Conjunto Barroco de Madrid son as vindeiras propostas que nos trae a Compostela o Via Stellae. La Bellemont estarán este sábado, ás 20:30 horas, na Capela da Orde Terceira co programa Bach en trío. As tres sonatas para viola de gamba e clave obrigado, con entrada libre previa retirada de invitación. Pola súa banda, Ímpetus Conjunto Barroco de Madrid tocará o luns, ás 20:30 horas, no Salón Teatro, presentando As bágoas do Anxo. Arias de ópera e cantatas de Haendel e Vivaldi. Para este concerto as entradas teñen un custo de 6 euros, entrando dentro do Abono do Festival.

A sonata en trío foi unha forma moi popular na Alemaña barroca. Antes que Johann Sebastian Bach, compositores como Buxtehude ou Telemann xa explotaran esta forma coa formación habitual de violín, viola da gamba e baixo continuo. Coas súas tres sonatas para viola da gamba e clave obrigado, Bach seguiu a tradición pero, aínda que estas sonatas son auténticas pezas en trío, elixiu unha instrumentación diferente, converténdoas en dúos de clave e viola (o clavecinista toca a parte do violín coa súa man dereita e a liña do baixo, sen realización do continuo, coa man esquerda).

La Bellemont propón este ciclo completo das tres sonatas para viola da gamba e clave, interpretando unha na súa forma orixinal en dúo e as outras dúas nunha versión transcrita (Bach foi un prolífico transcritor das súas propias obras) que lles devolve a súa forma en trío tradicional, co engadido dun violín e do baixo cifrado realizado por clave e arquilaúde que permite potenciar a alta expresividade e a enerxía rítmica implícitas nestas sonatas.

Un concerto para clave de Johann Sebastian Bach composto para as reunións do Café Zimmermann secunda a proposta lírica barroca do emerxente conxunto especializado madrileño Ímpetus e o contratenor Flavio Ferri-Benedetti.

Haendel e Vivaldi son dúas indiscutibles figuras da ópera barroca italiana. O prolífico e polifacético compositor, director e empresario teatral Georg Friedrich Haendel triunfou en Londres, primeiro coas súas óperas e máis tarde cando tivo necesidade de reinventarse cos seus oratorios, durante tres décadas para converterse en heroe nacional británico. Máximo expoñente do concerto para violín barroco, o sacerdote Antonio Vivaldi aplicou o seu xenio, como afortunadamente puidemos descubrir nos últimos anos, a obras líricas profanas, cantatas e óperas; case 100 óperas estreadas en Venecia, pero tamén en Mantua, Florencia, Roma, Verona, Milán, Vicenza... Unha xeración inesquecible para a historia da música.

Ímpetus Conjunto Barroco de Madrid reúne un grupo de grandes músicos profesionais que contan cunha brillante preparación no ámbito da interpretación da música antiga, barroca, clásica e prerromántica con instrumentos orixinais. Deste modo, a fidelidade ás convencións musicais da época, así como a execución con instrumentos históricos de exquisita factura, fan que o seu son se afaste substancialmente do habitual, achegándose á idea do compositor e á atmosfera orixinal de cada obra, situándoa no seu contexto histórico, artístico e interpretativo.

Tanto as invitacións como as entradas poden retirarse no despacho de billetes do Teatro Principal, que está aberto de 18:00 a 21:00 horas todos os días. As entradas, ademais, poden mercarse na web entradas.abanca.com ou no teléfono 902 434 443.

Direccións relacionadas



Compartir: