TURISMO

Santiago de Compostela e Wakayama (Xapón) seguen traballando na promoción das súas rutas de peregrinación

10/07/2015 As concelleiras de Turismo, Marta Lois, e de Economía, María Rozas, recibiron en Raxoi a Hiroyuki Tsui e Takashi Nishida, responsables do Departamento de Internacionalización e Intercambio Cultural do Goberno da Prefectura de Wakayama (Xapón).

O obxectivo da xuntanza era concretar a axenda da delegación xaponesa que visitará Compostela con motivo da celebración do Fairway. I Forum do Camiño de Santiago, do 15 ao 18 de outubro. Esta comitiva estará encabezada polo gobernador de Wakayama e polo alcalde da cidade de Tanabe, coa que Santiago ten un acordo de promoción turística.

O Camiño de Kumano foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no ano 2004. Convertíase así na segunda ruta de peregrinación do mundo en conseguir este recoñecemento despois do Camiño de Santiago, que o obtivera xa no ano 1993. A partir dese momento comezaron as relacións entre Tanabe e Santiago, as cidades de referencia de ambos camiños, que se foron afianzando co tempo e se concretaron en diferentes convenios de colaboración para a súa promoción conxunta.

Compartir: